Gabinete Voula Papaioannou

/
Comisarios Jorge Blasco Gallardo

Tras o seu paso por La Virreina Centre de la Imatge de Barcelona, a exposición Gabinete Voula Papaioannou fai escala na Fundación Luis Seoane da Coruña, un proxecto coproducido por ambas institucións en colaboración co Museo Benaki de Atenas, que trae por vez primeira ao noso país a obra da fotógrafa grega Voula Papaioannou (Lamía, 1898-Atenas, 1990).

A exposición reune máis de 300 fotografías en branco e negro realizadas entre as décadas dos vinte e os sesenta do pasado século agrupadas en diferentes seccións. O proxecto nace a partir do estudo levado a cabo polo comisario da mostra do arquivo da obra da fotógrafa, custodiado polo arquivo fotográfico do Museo Benaki. Nel, atopa as follas de contacto elaboradas por Voula Papaioannou e as súas correspondentes copias, realizadas polas traballadoras do museo, que permiten establecer novas lecturas acerca do traballo da artista e ofrece a oportunidade de construír un relato diferente sobre a súa obra. Este relato, xunto cos criterios de traballo da autora, as súas liñas iconográficas e argumentais, e a persistencia de certas metodoloxías nalgúns dos seus ciclos temáticos trasládanse agora ao espazo expositivo da Fundación Luis Seoane.

Tradicionalmente inscrito dentro da fotografía humanitaria, o traballo de Voula Papaioannou transcende os límites deste movemento, constituíndose nun inxente proxecto documental dotado dunha estética propia que, ademais de rexistrar algúns dos momentos máis dramáticos da historia do século XX a través dos sucesivos conflictos que asolaron o seu país de orixe, de retratar a súa arte ou as súas paisaxes, é capaz de transmitir as sensacións e a atmósfera derivadas de situacións excepcionais a través da vida cotiá dos seus protagonistas dunha maneira extremadamente sutil. Gabinete Voula Papaioannou ofrece ao público a oportunidade de compartir a mirada dunha das representantes máis notables da fotografía humanitaria e, por extensión, dunha das fotógrafas máis destacadas da súa época.

Exposición coproducida co Museo Benaki e [La Virreina] Centre de la Imatge

Nota_de_prensa

 

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición
A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición