A táctica do colibrí é unha exposición que afonda na relación entre activismo educativo e dereitos humanos a través de iniciativas como A Escola Libre de Cerámica de Sargadelos, a Escola Experimental de Arte de Deba en Guipúzcoa e outras propostas semellantes, e dunha serie de experiencias levadas a cabo por artistas contemporáneos en colaboración con centros educativos de Galicia, Madrid e a Comunidade Valenciana.
O formato da exposición, inspirado nos gabinetes de curiosidades e galerías de pinturas, convida ao espectador a elixir o seu próprio percorrido a través dunha arquitectura do descubrimento, do coleccionismo, na que os espazos conectados entre sí ofrecen diferentes perspectivas acerca do activismo de protesta, intelectual e situado.
Comisariada polo profesor da UDC José María Mesías Lema, a mostra nace a partir do proxecto de investigación DERARTI “Os dereitos da infancia, adolescencia e xuventude: habitando proxectos activistas con estudantes, docentes e artistas contemporáneos” dirixido pola Universidade da Coruña en colaboración coa Universitat de València, a Universidad Complutense de Madrid e a Universitat Jaume I de Castelló.
A selección de obra inclúe traballos dos fotógrafos Pilar Aymerich, Xurxo Lobato, Ruth Montiel e Vero Vicente; do cineasta e educador Emilio Martí, e dos artistas Miguel Benjumea, David Catá, Sabela Eiriz e Tiffany López-Ganet. A exposición recolle ademais outras propostas como as bandas de poesía activista do colectivo Alouette Machine, as IAulas ou os apartados dedicados ás actividades do colectivo Areanegra e da Escola Libre de Cerámica de Sargadelos.
(imaxe: © Xurxo Lobato)
Artistas: Alouette Machine, Pilar Aymerich, Miguel Benjumea, David Catá, Sabela Eiriz, Antton Elizegi, Xurxo Lobato, Tiffany López-Ganet, Emilio Martí, Mikel Mendizábal, Ruth Montiel e Vero Vicente