Canción de Pedro Costa é unha exposición coproducida pola Fundación Luis Seoane da Coruña e La Virreina Centre de la Imatge de Barcelona que aborda a obra do cineasta portugués a través da utilización que este fai do rostro, a voz e a canción como sinais de identidade das persoas, e tamén como resposta á presión da Historia conxugada coa historia particular de cada individuo.
Pedro Costa (Lisboa, 1959) é un dos cineastas máis apreciados polos novos públicos de cine e pola crítica internacional, sobre todo desde a realización de En el cuarto de Vanda (2000). A súa última longametraxe Vitalina Varela (2019), recibiu o Leopardo de Ouro ao mellor filme no Festival de Locarno. A súa posición máis característica afiánzase sobre os temas que formula tanto como nos xeitos de producir as imaxes, incluíndo nesto último os aspectos técnicos e estéticos e facendo fincapé na dimensión do traballo (economía, estrutura da produción, tempos de rodaxe e edición, xeitos de relación, etcétera). Costa decidiu afastarse da industria do cine a partir da película En el cuarto de Vanda, e mantivo desde entón unha liberdade e independencia exemplares, e isto sen renunciar a vincular o seu traballo cos eixos principais da historia do cine.
A preferencia actual de Costa polos personaxes caboverdianos supón un rexeitamento da posición metropolitana dentro da estrutura colonial que define o pasado inmediato de Portugal, ademais de constatar a súa negativa a esquecer o devandito pasado e as súas consecuencias.
Comisariada por Javier Codesal, a mostra articúlase a partir de nove obras, con títulos alusivos á idea de canto: Casa de lava – cuaderno (libro de artista, 1994) complementado con Cancionero de Fogo (vídeo documental para visualizar o contido do caderno), Canción de Ventura (proxección, 2014), Canción del volcán (proxección, 1951- 2013), Nuestras voces no cantarán más (conxunto de tres obras independentes, 2022), Canto de piedra (cinco fotografías sobre papel, 2015), Morna de sombras (instalación con cinco proxeccións sobre pantallas suspendidas do teito e banda sonora, 1994-2022) e Cantoras y cantores (panel con 65 fotografías de rodaxe das películas de Pedro Costa, varios autores, 1990-2014).
Canción de Pedro Costa contén variacións na súa presentación da Coruña respecto á anterior de Barcelona. Non se inclúen as dúas pezas que integran Canciones para evitar el suicidio nin a titulada Balar de Balibar. Pero engádense dúas obras: Canción del volcán e Cantoras y cantores. E resulta de especial interese a posta en sala de Nuestras voces no cantarán más, título que reúne tres obras independentes producidas exprofeso para este proxecto, e que agora se verán nunha mesma sala cos seus vídeos sincronizados, creando unha experiencia diferente á do seu paso por La Virreina. Ademais, incorporase á mostra o ensaio Canción de Pedro Costa, escrito polo comisario da exposición, Javier Codesal. Por último, coincidindo co inicio da mostra, a Filmoteca de Galicia CGAI programará a finais do mes de outubro un ciclo sobre Pedro Costa que se inaugurará coa proxección de Vitalina Varela (2019), e que contará coa presenza do director portugués.
+ información: Nota_prensaPCostaG