Toda responsabilidade individual fundaméntase no colectivo humanizado e social desde os cimentos do territorio concreto, do territorio ético e do territorio cultural. Sen resultar definitivos, territorios de multiplicidade: espazos de reflexión, de vida sustantiva e de toda circunstancia que implique compromiso. O «territorio», como se defende nestes ciclos -territorio de inmersión, de creación e recreación, tamén revulsivo ou subversivo-, non é só un marco xeográfico ou un contedor histórico en evolución: é o encadre accesible da experiencia que se revoluciona en diferentes e variadas parcelas de creación relacional, sensible e sensitiva. Desde esas zonificacións parciais que capacitan a imaxinabilidade inventiva, cartografíanse os territorios supraxeográficos, suprafísicos, sustancialmente humanos e persoais e íntimos, que son elementos primarios xeradores de transferencias e permeabilidades entroncadas, convertíndose así en estruturas convenientes (e convidas) para a construción da Historia e a precedencia do seu próprio presente. Poderíamos describilos, por todo isto, como unha «territorialidade do agora» non allea á propiedade incisiva do sentido da pertenza.
Esta terceira edición de Creación e Territorios oriéntase cara a polisemia activa do concepto ‘territorio’, e contará coa participación de Joan Nogué (Hostalet de Bas, Girona, 1958), xeógrafo e director do Observatorio del Paisatge de Catalunya; Carmen Pena (Salamanca, 1947), historiadora da arte e especialista na pintura española de paisaxe contemporánea e na cultura paisaxística dos séculos XIX e XX; Isabel Aguirre de Úrcola (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1937), arquitecta da ETSAC e directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; e Gabriel Pérez-Barreiro (A Coruña, 1970), comisario, historiador da arte e escritor. Entre novembro de 2022 e abril de 2023, tamén coa participación de Alberto Carton.
Próxima conferencia:
Martes 28 de marzo, 20:00 horas. Isabel Aguirre de Úrcola. Construír e destruír.
A historia da terra, a evolución da civilización. Ocupar o territorio en resposta ás nosas necesidades modificándoo segundo os medios dos que dispuxemos. A relación entre capacidade destrutiva e construtiva, sempre destruímos algo para poder construír o novo. O equilibrio e respecto cara o medio. O coñecemento da natureza que nos permite intervir no territorio integrando o nosso traballo segundo os nosos coñecementos e expresando as vinculacións culturais e sociais. Construímos o territorio, creamos novas paisaxes queiramos facelo ou non.
Profesora titular na ETSAC entre os anos 1991 e 2007, a arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre de Úrcola foi directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. O seu traballo foi recoñecido en numerosas ocasións: en 1997, a súa rehabilitación do Parque de Bonaval en Santiago de Compostela obtivo o Premio de Arquitectura Manuel de la Dehesa, e no 2015 foi galardonada co Premio Europeo de Rehabilitación do Patrimonio Europeo AADIPA pola contorna do Monasterio de Caaveiro. Entre as súas obras, destacan o proxecto e obras do Parque Oeste/Val Grande en Lisboa. No 2018 recibiu a Medalla Castelao.