Lugares de novela. Noruega Obradoiro de literatura

/
Coordinación Javier Pintor

A literatura convídanos a desprazarnos e visitar outros espazos: a Grecia de Sófocles, a Praga de Kafka, a Lisboa de Pessoa, o París de Camus e Sartre, o Tokio de Murakami, a Budapest de Sandor Marai ou a Viena de Stefan Zweig.

A fecunda relación entre literatura e territorio inspira este obradoiro que terá a Noruega como protagonista. A riqueza, variedade e cantidade de producion literaria de calidade dun país con apenas cinco millóns de habitantes segue sendo sorprendente. Noruega posúe un dos mellores sistemas de bibliotecas públicas e un dos índices de lectura máis altos.

A concesión do premio Nobel a Jon Fosse no 2023 conseguiu suscitar de novo o interese pola literatura dun país cunha gran tradición cultural. A descrición espida e transparente do mundo interior dos seus protagonistas e a reflexión acerca das problemáticas sociais máis actuais está presente na obra de moitos dos seus autores. Unha poética cristalina atenta ao filosófico, ao espiritual e ao persoal do ser humano atraviesa moitas das súas creacións.

Conviven, pois, expresións íntimas con propostas próximas ao realismo social, formas máis vangardistas e experimentais inspiradas no realismo máxico xunto co auxe a finais do século XX da novela de suspense. Unha produción rica e variada que no seu momento chamou a atención de Hemingway e Borges, que confesaron a súa admiración polas sagas de tradición épica e a súa débeda con elas.

O obradoiro permitiranos analizar e comentar a obra de autores tan significativos na historia da literatura noruega como o dramaturgo Henrik Ibsen, o narrador Knut Hamsun (Nobel 1920) e o célebre Jostein Gaarder xunto a escritores de culto como Per Petterson ou Jon Fosse, entre outros.

Javier Pintor

Para descargar o formulario de inscrición, preme aqui

Actividades actuais

Como ler unha película
Un obradoiro de cine coordinado por María Donapetry
/
Actividade