Body Talk é unha proposta sobre a performance, unha disciplina utilizada como medio de expresión por un número cada vez maior de artistas a nivel nacional e internacional. Cada sesión do ciclo comezará coa execución dunha performance a cargo dun artista convidado, tras o que se establecerá un faladoiro entre este e o comisario cultural Javier Trigales acerca de cuestións relativas a creación, influencias e identidade, entre outras.
Sábado 13 de xaneiro, 20:00 horas. Feelings. Janet Novás
A observación, a experiencia e o diálogo co corpo son a base do traballo da bailarina e coreógrafa Janet Novás (O Porriño, Pontevedra, 1982), que ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha linguaxe propia na que conviven a carga emocional e a sinxeleza estética. As súas creacións formaron parte da programacion de prestixiosos festivais a nivel nacional e internacional, como o Festival Nouvelles Pole-Sud de Estrasburgo ou o Cement Festival de Rotterdam, e foron galardoadas en numerosas ocasións con diferentes premios. Como actriz, Janet Novás vén de debutar no papel principal da película O Corno de Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
Feelings, cuxo título fai referencia ao célebre tema do músico brasileiro Morris Albert, é “un traballo que nunca se definiu. Naceu o día dunha morte e xurdiu coma un berro ou un pranto por esa perda. Desde ese momento negouse a tomar unha forma concreta e tamén negouse a morrer. Feelings é un corpo vivo que quere habitar espazos para chorar, para tomar o pranto como un exercício de liberación, para bailalo e exaltar a beleza dun corpo abatido”.
Tras a perfomance, o público asistirá á proxección do documental Cadencia, dirixido por Virginia Rota en colaboración con Janet Novás. Finalmente, o acto rematará cunha conversa entre a artista e Javier Trigales.
O acceso ao acto é libre, previa inscrición no teléfono 981 216 015.