Grupo de Estudos Transición ecosocial e desexo

/
Dirección Nuria Alonso, Fran Quiroga
Participantes ADEGA, Begoña de Bernardo, Alba Cid, Chus Domínguez, Lara Dopazo, Llorian García, Daniel López, Marimo, Miriam Miranda, Luz Pichel, Alexandre Pichel-Vázquez, Belén Sola, Jaime Vindel

Ao longo do 2022 a Fundación Luis Seoane acolleu o Grupo de Estudos Galiza e o Decolonialismo, un programa que tiña como obxectivo abrir un espazo de investigación experimental. Nesta nova edición, os obxectos de estudo serán a transición ecosocial e o desexo. Ademais, súmase a Fundación Entretantos como coorganizadora.

Agora, o reto do Grupo de Estudos é desentrañar aqueles desexos que activan as pancas que nos permiten avanzar cara a mundos máis habitables formulando unha serie de preguntas. Que experiencias ecosociais son relevantes e poden ser replicadas? Que outros xeitos de subxectivación política se están creando para non poñer en xogo o futuro? Cales poden ser as pancas para saltar do desexo individual á mobilización colectiva ou se os desexos colectivos xeran axencia cidadá? En definitiva, preténdese xerar colectivamente novos relatos que vaian alén do desastre.

Dirixido polo investigador e curador Fran Quiroga e por Nuria Alonso, ambientóloga da Fundación Entretantos, o grupo contará coas intervencións das poetas Luz Pichel, Lara Dopazo e Alba Cid, o experto en agroecoloxia e investigador do CSIC Daniel López, ou a profesora da Universidade de León Belén Sola.

Xoves 14 de decembro. Begoña de Bernardo e Daniel López. Comidas soberanas

A soberanía alimentaria, o papel das persoas consumidoras e as estratexias colectivas para mellorar as desigualdades da cadea alimentaria son os eixos da conversa que a enxeñeira agrónoma e divulgadora Begoña de Bernardo e o doutor en Agroecoloxía e investigador do CSIC Daniel López manterán na segunda sesión do Grupo de Estudos Transición Ecosocial e Desexo. O obxectivo é analizar o significado de proximidade e autonomía, así como as chaves para artellar o local e o global, partindo do contexto actual.

Begoña de Bernardo é enxeñeira agrónoma, activista e divulgadora sobre Transición Enerxética e Límites do Crecemento. Promotora do Centro para a Resiliencia Pousadoira para a divulgación e formación en temas referidos ao cénit do petróleo, ao decrecemento, e á recuperación de saberes tradicionais. Membro da Asociación Véspera de Nada e Rede de Decrecemento Eo Navia-Galiza- O Bierzo e a Rede Galega de Sementes.

Daniel Lopez é Doutor en Agroecoloxía, Socioloxía e Desenvolvemento Rural Sostible. Traballa como investigador no Instituto de Economía, Geografía y Demografía do CSIC e colabora coa Fundación Entretantos. O seu campo de investigación abrangue as metodoloxías participativas para a transición agroecolóxica e os sistemas alimentarios de Base.

Próxima sesión:

Xoves 25 de xaneiro

Jaime Vindel. Estética fósil

Actividades actuais

Somos o que lemos
/
Actividade
Lugares de novela. Stefan Zweig
Obradoiro de literatura
/
Actividade
Dende as marxes. Sobre a necesidade da crítica
Diálogos de arquitectura
/
Actividade
Literatura e pensamento
Obradoiro de escritura
/
Actividade
Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade