Feita en coprodución entre La Virreina Centre de la Imatge de Barcelona, o Museo Universitario de Arte Contemporáneo (MUAC) de Cidade de México, a Casa de Iberoamérica de Cádiz e a Fundación Luis Seoane da Coruña, esta exposición é a primeira gran retrospectiva realizada até o momento sobre a traxectoria de Marcelo Expósito (Puertollano, 1966).
Nueva Babilonia percorre catro décadas de práctica creativa e activista durante as cales Expósito xerou unha obra moi heteroxénea, na cal resulta inseparable a concepción teórica da materialización formal, valéndose de referentes non só estéticos, senón tamén críticos, filosóficos, literarios, dramatúrxicos, historiográficos e políticos, traducidos en modelos de produción que incorporan unha dimensión pedagóxica. Desta forma, a mostra propón a utopía dunha “nova Babilonia” onde a esfera pública se constitúa pola escavación da memoria da resistencia, a arqueoloxía dos dispositivos do poder e a interrogación das experiencias sensibles que aspirar a devir nunha experiencia de emancipación. Nun tempo onde as secuelas do neoliberalismo e a crise do Estado nación nos enfrontan ao desafío dunha variedade de novos fascismos, o traballo de Marcelo Expósito formula unha interrogante urxente: que é aquilo que a arte precisa ser ademais ou que precisa serlle sumado para afrontar a actual crise sistémica?
Desde os seus primeiros traballos editoriais e videográficos, levados a cabo na primeira metade dos anos oitenta, até as súas investigacións acerca dos imaxinarios visuais do franquismo, na década dos noventa; desde a exhaustiva indagación que o artista desenvolveu arredor dos movementos sociais dos primeiros anos do século XXI até as súas pezas máis recentes, algunhas delas inéditas, ou outras que se presentan por primeira vez nun contexto museográfico, o proxecto articúlase a partir de tres dispositivos distintos. O primeiro é a exposición propiamente dita, onde se presentan medio cento de obras e un gran número de traballos documentados que abranguen desde 1982 até o presente. O segundo é unha publicación, concibida ex professo, que compila nove ensaios teóricos de Luis Ignacio García, Brian Holmes, Ana Longoni, Isabell Lorey, Cuauhtémoc Medina, Gerald Raunig, Valentín Roma, Jean-Christophe Royoux e o propio artista, xunto con numerosos materiais documentais e textos explicativos sobre os diversos proxectos exhibidos. O terceiro é unha ampla retrospectiva do traballo fílmico de Marcelo Expósito, que foi organizada polo Festival Internacional de Cine da Universidad Autónoma de México (FICUNAM 11, 2021) e que se atopa dispoñible en liña na sede dixital da Filmoteca UNAM (https://www.filmoteca.unam.mx/retrospectiva-marcelo-exposito/) durante o tempo desta exposición na Fundación Luis Seoane.