Proxectos seleccionados INPUT 2018

/
Coordinación Gonzalo E. Veloso

Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2018. Esta selección realizouse entre 27 proxectos, algúns deles de grande interese e calidade. As directoras dos proxectos seleccionados disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixo internacional para facer medrar os seus filmes.

RESERVA, de Gerard Ortín

A destrución ou a fraxilidade da orde natural debidas á actividade humana son algúns dos temas aos que se aproxima Ortín a través de filmes, instalacións sonoras e walk-performances. A súa obra tense visto en centros de arte como a Fundación Joan Miró (Barcelona), Tabakalera (Donostia), Stedelijk Museum Bureau of Amsterdam ou Office for Contemporary Art (Oslo), así como en festivais como o de Gijón ou o D’A Film Festival. En ​Reserva​ explora a drástica redución da poboación de lobos que se ten producido en Álava nas últimas décadas e as implicacións da súa ausencia. O proxecto parte dun material audiovisual que formou parte dunha instalación multicanal exposta na Fundación Miró de Barcelona.

LEJOSCERCA, de María Abenia

María Abenia é realizadora, docente e programadora. Actualmente atópase dando clases de Cinema e Linguaxe Audiovisual para fotógrafos na escola Grisart de Barcelona, realizando un fotolibro do seu proxecto fotográfico Ulises ​e no proceso de escritura da súa primeira longametraxe, ​LejosCerca.

LejosCerca ​ é un proxecto no que Abenia propón ao espectador realizar unha viaxe trascendental, unha absurda, férrea e comprometida pelerinaxe guiada só pola intuición da súa protagonista e pola promesa dunha suposta «Montaña Sagrada».

REUNIÓN, de Ilán Serruya

Ilán Serruya especializouse en montaxe cinematográfica (Instituto de cine de Madrid) e en Belas Artes (Universidad Complutense de Madrid). Actualmente cursa o “Máster LAV: Laboratorio audiovisual de creación y práctica contemporánea”. Interesado na autobiografía, na súa obra recurre ao material de arquivo doméstico.

Reunión é o encontro entre un pai e un fillo. Un momento marcado pola paisaxe, a distancia e o silencio. Este encontro caracterízase pola ausencia de palabras, polos xestos cotidiáns, polas diferentes posturas corporais, pola expresión das súas facianas e polas escasas frases que articulan un intento por retomar o que parece un diálogo imposible.

Actividades actuais

Somos o que lemos
/
Actividade
Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Lugares de novela: Uruguai
Obradoiro de literatura
/
Actividade
Relatos con voz propia
Obradoiro de escritura
/
Actividade