A través da Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid, e baixo a dirección da catedrática Marián López Fernández Cao, a Fundación Luis Seoane participa neste proxecto de análise e reflexión sobre o papel da muller dentro da transformación dos espazos museísticos financiado polo Instituto de las Mujeres do Ministerio de Igualdad de España.
Á dinámica de compartir experiencias laborais de empoderamento femenino únese a realización de vídeo cartas que reflicten as políticas de traballo de cada institución no marco das boas prácticas con respecto a subxectividades como a igualdade de oportunidades, a ecoxusticia, os procesos migratorios e a identidade.
A migración, o exilio e a identidade foron algúns dos temas que se abordaron en Laboratorio Reinicio, unha actividade da Fundación Luis Seoane cuxos participantes elaboraron dúas vídeo cartas nas que se tratan os procesos migratorios desde diferentes enfoques. Nesta primeira entrega, a protagonista establece un vínculo entre a práctica da natación e o mar, e a súa capacidade de reinvención nun país e nunha sociedade que non son os seus.