Enrique Lista presenta Sísifo 3.0, un proxecto inacabado inspirado no célebre personaxe da mitoloxía clásica. Nesta peza, o artista aparece subindo unhas escaleiras e deslizándose polo pasamans para baixalas, nun proceso que se repite unha e outra vez ante os ollos do espectador. A obra forma parte dunha serie de ideas que Lista denomina ‘absurdos varios’, relacionadas coas capacidades do corpo humán nas que subxace unha certa ironía polas súas limitacións. Durante a terceira sesión de O Nunca Visto, o autor fala tamén de varios dos seus proxectos e de traballos inacabados doutros creadores en compañía de Sara Donoso, coordinadora do ciclo.
Ao longo da súa traxectoria, a obra de Enrique Lista (Malpica, 1977) protagonizou diferentes exposicións individuais na sala de exposicións do Pazo Municipal da Coruña, na Fundación Luís Seoane, na Zona “C”, na Galería Adhoc e na Sala Alterarte; e estivo presente en mostras colectivas no MAC, o MARCO, o Centro Torrente Ballester, o CGAC, o Centre Civic Sant Andreu, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, a Fundación Laxeiro e a Fotobienal de Vigo. Participou en numerosas publicacións colectivas e monográficas; entre estas últimas destacan o catálogo Enrique Lista. Situación (CGAC, 2008), o libro de artista Un año de proyectos (Save As… Publications, 2013), o ensaio sobre fotografía Voz en off (Muga, 2020) e o fotolibro Síntomas (Estraperlo, 2018), selo no que exerce como editor.
O Nunca Visto é unha iniciativa da Fundación Luis Seoane en colaboración con A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia, cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos que non acadaron unha forma definitiva, ou que non se puideron expoñer ou executar ata agora; unha oportunidade de afondar nos procesos que acompañan á creación axudando a construir o seu corpus formal e conceptual.