Proxecto Eirón

Dirección Fermín Blanco

O 3 de outubro de 2015, a Fundación Luis Seoane acollía a primeira sesión de Nenoarquitectura, unha actividade didáctica creada polo arquitecto Fermín Blanco que buscaba achegar o mundo da arquitectura e o urbanismo ao público infantil, dúas disciplinas que non adoitan estar presentes nos programas didácticos de museos e centros culturais, xa que a súa práctica entraña procesos complexos nos que converxen creatividade, estética e regras científicas.

A creatividade será a base desta proposta educativa pola que pasaron máis de cincocentos rapaces da nosa cidade e as súas familias. Moitos deles foron crecendo co proxecto, que co paso do tempo se foi abrindo a outras materias artísticas seguindo o concepto de integración das artes defendido por Luis Seoane.

A posta en práctica dos contidos impartidos nos obradoiros é outro dos fundamentos dunha actividade didáctica que acabaría por transformarse nun proxecto urbanístico en toda regra a través dunha comunidade formada polos nenos, as súas familias, creadores locais e internacionais e administracións, traspasando os muros da Fundación Luis Seoane para asentarse no espazo público. É aí onde nace o Eirón.

Qué é o Proxecto Eirón?
Eirón é unha palabra inventada polos rapaces dos obradoiros. Vén de de eira, que é como se chama en Galicia ao terreo que está a carón dunha vivenda. Con ela referíanse coloquialmente a un soar en desuso situado xunto á Fundación Luis Seoane, engadíndolle ao termo un sufixo aumentativo que definía de xeito máis preciso eses case tres ferrados que ninguén utilizaba.

A ausencia na Cidade Vella de zonas de lecer accesibles foi un dos motivos que levaron ao equipo de Nenoarquitectura a interesarse pola posibilidade de converter ese terreo nun lugar de recreo para uso colectivo. Durante case unha década, a idea estaría presente nos obradoiros de diferentes maneiras, evolucionando e desenvolvéndose grazas ás aportacións de nenos, educadores e artistas convidados.

Desde os seus inicios, o Proxecto Eirón espertou o interese da comunidade especializada, o que permitiu a súa difusión en numerosas xornadas de formación do profesorado como exemplo de transformación participativa da contorna urbana.

O proxecto foi presentado por vez primeira na Universidade Autónoma de Madrid dentro das xornadas organizadas polo profesor Santiago Atrio sobre a importancia e uso do espazo público como material educativo. Posteriores cursos da UIMP e diferentes laboratorios cidadanos como os de Zaragoza 2022 utilizaron o Eirón como exemplo de boas prácticas.

No ano 2019, os participantes no proxecto gañaron o concurso público promovido por Viva Vancouver, Canadá, para a promoción da activación do Espazo Público. Dous anos máis tarde, o Eirón foi presentado na Bienal do Espazo Público de Milán, e diferentes congresos nacionais e internacionais destacaron o seu carácter participativo e a relevancia dos procesos dentro do proxecto pedagóxico.

A finais de 2022, o Concello da Coruña da luz verde para a execución da obra. Debido á situación do terreo, próximo ao extremo da costa, as primeiras intervencións fan que aflore roca nai correspondente ao límite xeolóxico do litoral. O arquitecto Fermín Blanco, redactor do proxecto, incorporará este aspecto ao deseño final dun espazo que engade 1.500 m2 de zonas verdes á Cidade Vella no que se plantarán especies vexetais presentes tamén na contorna como os umeiros do Xardín de San Carlos.

No outono de 2023, o Eirón convértese por fin en realidade. Un proxecto formado por moitos outros, unha viaxe na que se funden teoría, práctica e comunidade.

Neste enlace está dispoñible a programación da inauguración do día 14 de outubre: Programa_Feirón