En abril de 2023, a Fundación Luis Seoane inauguraba a exposición Xesús! 70 anos de Campos, a maior retrospectiva celebrada ata a data sobre a obra do humorista gráfico Chichi Campos, un proxecto comisariado por Nico Campos que trazaba un percorrido pola breve pero intensa traxectoria do artista. Inspirada nos fanzines que se publicaban en Galicia durante a década dos 80, O Campos 70 recolle o espíritu daquela mostra a través dunha selección fundamentalmente de debuxos, pero tamén de textos, varios deles inéditos, que dan conta da xenialidade do seu autor.
O Campos 70 forma parte dun proxecto impulsado por Nico Campos e a Fundación Luis Seoane que deu comezo coa creación do Fondo Documental Chichi Campos, co que se localizaron e catalogaron máis de mil debuxos, preto de douscentos artigos de prensa e case cen guións de televisión, ademais de abundante documentación persoal. Esa foi a base da exposición Xesús! 70 anos de Campos, primeira mostra sobre a obra de Chichi Campos desde os anos 90 e do documental Chichi e mais eu, dirixido por Nico Campos, responsable tamén desta publicación deseñada por Manel Cráneo.