Publicación

Maruxa Seoane. Achegamento a Mª Elvira Fernández López

2020 270 p. : il. col. e n.; 17 x 24 cm. Texto en galego e inglés
Autor Juan Martínez de la Colina

En decembro de 2018, a Fundación Luis Seoane inauguraba a exposición Maruxa Seoane. Achegamento a Mª Elvira Fernández López, un proxecto comisariado polo artista e docente Juan Martínez de la Colina co que se lle rendía homenaxe á figura de Mª Elvira Fernández López, Maruxa Seoane. Compañeira de Luis Seoane ao longo do seu periplo vital, tras o falecemento do artista en 1979, Maruxa acomete o inxente labor de reunir, conservar e difundir a memoria artística e intelectual do seu marido, unha tarefa que culminaría coa creación, en 1996, da Fundación Luis Seoane.

Partindo daquel proxecto, Juan Martínez de la Colina afonda nesta publicación nos aspectos biográficos e no significado da figura de Maruxa Seoane apoiándose nunha coidada selección de fotografías e de distintas seccións que recollen, ademais dos aspectos da exposición e da película que a acompañou, a transcripción das receitas de cociña publicadas por Maruxa na revista Galicia Emigrante entre 1954 e 1959. O libro péchase cunha sección dedicada a 41 mulleres destacadas que, dun xeito ou doutro, tiveron relación con Maruxa Seoane.