Publicación

Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada

2021 317 p., il. col. e n. ; 17 x 24 cm. Texto en galego, español e inglés. ISBN: 978-84-948558-6-3
Textos Silvia Longueira, Rosario Sarmiento, Miguel Anxo Seixas

Nacida en 1905 no seo dunha familia de creadores, Lolita Díaz Baliño desenvolveu durante as décadas dos vinte e trinta do pasado século unha importante obra como ilustradora, na que é posible trazar a influencia de movementos como o modernismo e o Art Déco ou de artistas como o británico Aubrey Beardsley. Descoñecida polo público, a súa figura exemplifica as dificultades ás que se tiñan que enfrontar naquela época as mulleres que aspiraban a desenvolver unha profesión creativa. Na segunda etapa da súa traxectoria, Lolita Díaz Baliño levaría a cabo unha importante actividade como docente, que deixaría unha fonda pegada en varias xeracións posteriores de artistas.

A presente publicación, que recolle e amplía diferentes aspectos da exposición do mesmo nome inaugurada na Fundación Luis Seoane en marzo de 2021, forma parte dun proxecto de investigación a cargo da crítica de arte e xestora cultural Rosario Sarmiento, que busca reivindicar e dar a coñecer a obra desta creadora inxustamente esquecida pola historia da arte.