
Coa exposición Arturo Cuadrado: A fantasía dun povo, a Fundación Luis Seoane quixo render homenaxe á figura do recentemente falecido escritor e editor Arturo Cuadrado (Denia, Alicante, 1904-Bos Aires 1998), amigo e un dos máis estreitos colaboradores de Luis Seoane, co que fundaría editoriais como Nova ou Botella al Mar, entre outras iniciativas culturais. No catálogo da mostra, comisariada polo escritor e actor Lino Braxe, autor dun dos ensaios do volume, reprodúcense imaxes das obras incluídas na exposición, principalmente bibliografía e documentación diversa, ás que acompaña un texto de Antón Capelán, un conxunto de descricións sobre o escritor a cargo de Antón Chaves Cuiñas, Manuel Lueiro Rey, Xosé Neira Vilas, Albino Fernández, Tomás Penelas Abad e Francisco Lores, e unha breve antoloxía de escritos de Cuadrado.