En outubro de 2020, o Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Luis Seoane, a Universidade da Coruña e o COAG, dedicáballe a Semana da Arquitectura a Andrés Fernández-Albalat (A Coruña, 1924-2019) co obxectivo de reivindicar a súa traxectoria, estreitamente relacionada coa súa cidade natal, e coa introdución dos postulados do movemento moderno en Galicia.
A presente edición, a cargo de Antonio S. Río Vázquez, cumpre cos obxectivos de difusión e análise da obra do arquitecto coruñés a través dun conxunto de textos e dunha selección de imaxes que inclúen fotografías de época, proxectos e mesmo debuxos persoais. Albalat foi ademais unha figura fundamental no desenvolvemento da cultura e da arquitectura galegas a través da súa participación en proxectos como o Laboratorio de Formas de Galicia ou do seu labor docente na ETSAC.