Publicado pola editorial Fabulatorio e a Fundación Luis Seoane, ABC Seoane é un libro para o público infantil ideado pola editora Piu Martínez no que vinte e tres obras de Luis Seoane realizadas en diferentes soportes – óleo, gravado, debuxo – ilustran outros tantos termos que, a súa vez, acompañan ás letras deste abecedario, un formato que, ao longo da historia da arte, atraeu a diferentes artistas polas súas posibilidades gráficas e a liberdade creativa que ofrece.
O resultado é un volume que, alén do seu carácter didáctico e lúdico, ofrece a posibilidade de facer un percorrido por destacadas obras do artista galego incluídas no legado da Fundación Luis Seoane, desde óleos como Mar do Orzán (1973) ata xilografías dos álbumes O pulpo (1967) e Insectario (1975), ou ilustracións para cubertas de libros, entre outras. Un abecedario que achega o universo creativo de Luis Seoane aos máis pequenos e que, en palabras de Piu Martínez, “é vestixio da riqueza do facer [de Seoane] como grafista e constatación do seu estilo singular”.