Publicación

O Nunca Visto. Sabela Eiriz

A segunda entrega de O Nunca Visto. O patrimonio oculto da arte contemporánea galega está protagonizada pola artista multidisciplinar Sabela Eiriz e o seu traballo A distancia é un estado mental, unha peza iniciada a comezos de 2014 que afonda na idea de distancia, do paso do tempo e da identidade persoal a través da fotografía, a escritura e os bosquexos en cadernos. Nesta entrevista, a creadora fala desta obra e doutras cuestións con Sara Donoso, coordinadora de O Nunca Visto.

Tras cursar estudos de comunicación en Santiago de Compostela e de fotografía e deseño en Barcelona, en 2018 Sabela Eiriz establécese en Galicia, desde onde desenvolve os seus proxectos artísticos á vez que traballa como fotógrafa e videógrafa e prepara a súa investigación doutoral en artes de educación. A identidade e o tempo xogan un papel fundamental no seu traballo, no que se mesturan a emoción e a realidade, as experiencias persoais, o estético e o mundano.

O Nunca Visto é unha iniciativa da Fundación Luis Seoane en colaboración con A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia, cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos que non acadaron unha forma definitiva, ou que non se puideron expoñer ou executar ata agora; unha oportunidade de afondar nos procesos que acompañan á creación axudando a construir o seu corpus formal e conceptual.