Sara Donoso entrevista a Monica Mura para o ciclo O Nunca Visto. O patrimonio oculto da arte contemporánea galega, unha iniciativa da Fundación Luis Seoane en colaboración con A Colectiva. Asociación Profesional de Artistas de Galicia, cuxo obxectivo é dar a coñecer proxectos artísticos que non se chegaron a realizar; unha oportunidade para afondar nos procesos que acompañan á creación axudando a construir o seu corpus formal e conceptual.
Monica Mura (Cagliari, Cerdeña, Italia 1979) é unha artista interdisciplinar, performer e activista. Membro de MAV, A Colectiva e Womarts, o seu traballo estivo presente en diferentes institucións como o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, Museo Centro Gaiás Cidade da Cultura, Festival C, MAC Museo de Arte Contemporánea da Coruña, Museo de Pontevedra, Sala Dogana-Palazzo Ducale, Palazzo Grilo Xénova, XX Bienal De Arte de Cerveira, Museu José Malhoa de Caldas da Raiña, MIAAnywhere, etc. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas como os fondos do Museo Provincial de Lugo e os do MAC Florencio de la Fuente. Para o proxecto O Nunca Visto, Monica Mura presentou a peza Mt 109 reason vs. emotion, unha instalación que reivindica a figura da científica austríaca Lise Meitner coa que rende homenaxe á memoria de todas as mulleres cuxa historia foi silenciada.