Publicación

Modernidades Diverxentes. Seoane, Ver y Estimar

Modernidades diverxentes é unha exposición que analiza a relación entre a obra de Luis Seoane e a revista de arte arxentina Ver y Estimar dirixida polo crítico Jorge Romero Brest. Así, o título da mostra fai referencia ao progresivo distanciamento entre dous vellos amigos e compañeiros de viaxe durante os anos anteriores, no antifascismo arxentino. Así, a inclinación da revista cara os postulados do expresionismo abstracto chegado da Escola de Nova York contrastaban coa resistencia de Seoane a desvencellarse dunha figuración que era máis propia dunha tradición humanista asociada a certas correntes da arte europea das que se consideraba herdeiro.

Comisariada polo investigador Pablo García Martínez, a exposición céntrase nunha parte da actividade de Seoane na Arxentina descoñecida ata agora en Galicia a través dunha selección de óleos, textos da época, debuxos, gravados e documentación diversa.