Lenzos e partituras é unha serie web documental que explora as confluencias entre a música e artes visuais do século XXI. Promovido polas asociacións culturais AÏS e Alexandre Bóveda, o proxecto nace durante o nadal de 2020 co obxectivo de proporcionar un espazo a diferentes creadores da cidade da Coruña para establecer conexións entre distintas disciplinas artísticas e favorecer deste xeito a difusión dos seus procesos de traballo, limitados nese momento pola pandemia.
Dirixida polo compositor Hugo Gómez-Chao, con guión e voz da actriz Chus Álvarez, a serie amosa o diálogo que estableceron creadores e músicos ao longo de once capítulos, dez sobre artistas plásticos e un especial acerca da exposición colectiva Un mundo que sofre baixo un manto de flores na que se recolleron os traballos froito das diferentes colaboracións. Agora, o proxecto transfórmase nunha vídeo exposición na Fundación Luis Seoane que recolle a totalidade da serie nunha montaxe audiotivual que busca difundir unha iniciativa na que participaron preto de medio centenar de creadores.