Publicación

Laboratorio Expedición III. Diana Rangel

Terceira e última entrega de Laboratorio Expedición, o espazo de debate da Fundación Luis Seoane en formato audiovisual que, desde mediados do mes de abril, convida a unha serie de investigadores, docentes e axentes culturais a establecer un diálogo ao redor das novas posibilidades, usos e construcións da cultura contemporánea.

A artista e psicóloga Diana Rangel estudou fotografía no Centro Internacional de Fotografía de Nova York e un posgrado en artes, pedagoxía e transformación social na European Graduate School de Suíza. O seu traballo afonda na conexión entre psicoloxía, fotografía e narración. En 2017, o seu proxecto Retornos foi seleccionado para o concurso DocField na Fundación Foto Colectania, e en 2018 o seu traballo de investigación Voces de un lugar imposible gañou o I Premio de Investigación y Ensayo sobre aplicaciones terapéuticas del arte da Fundación María José Jove. Ese mesmo ano, publicou o ensaio Políticas de la pedagogía en el arte no marco da Beca de Investigación y Experimentación en el arte La Escocesa.