Publicación

Escóitasme? Unha exposición do Laboratorio Seoane

No mes de marzo de 2020, a Fundación Luis Seoane suspendía a súa actividade presencial debido ao confinamento establecido polas autoridades por mor da pandemia da COVID-19. A partir dese momento, a Fundación porá en marcha unha serie de propostas en formato online, comezando polo programa didáctico Laboratorio Escóitasme?, un proxecto dirixido ao público infantil e ás súas familias que se desenvolveria ao longo de 10 semanas. Nel, máis de vinte creadores proporán unha serie de pequenos proxectos aos participantes baseados nas súas respectivas disciplinas profesionais e no universo plástico de Luis Seoane.

O resultado de todas aquelas experiencias converteuse nunha exposición que abriu as súas portas a finais do mes de setembro deste mesmo ano. A través dunha serie de reproducións da obra de Luis Seoane que actúan como fío condutor, Escóitasme? Unha exposición do Laboratorio Seoane convida ao espectador a coñecer unha proposta que permitiu levar a programación didáctica da Fundación Luis Seoane alén dos límites do espazo museístico.