Luis Seoane

Biografía

Luis Seoane nace en Bos Aires o 1 de xuño de 1910, fillo de emigrantes galegos que retornan a Galicia en 1916, primeiro á cidade da Coruña e logo a Santiago, onde estudará Dereito e se integrará nos círculos culturais e artísticos que guiaban o camiño á renovación en Galicia, e onde fai as súas primeiras exposicións de dibuxos e augadas.

bio-01

En Santiago participa activamente no movemento estudantil e político en favor da República e a proclamación dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Alí frecuenta os faladoiros de intelectuais e artistas nos cafés, e moi especialmente o da imprenta da Editorial Nós de Ánxel Casal, o “mártir do libro galego” co que realiza a súas primeiras composicións gráficas e ilustracións para os libros de poemas dos seus amigos Feliciano Rolán e Álvaro Cunqueiro.

Son anos nos que alterna o estudo e a práctica da avogacía coa súa inmersión na ilustración, o debuxo satírico e o deseño gráfico, participando en publicacións periódicas de corte político e vangardista como Yunque, Claridad, Ser, Universitarios ou a folla voandeira Resol, e animando o debate sobre a necesidade de artellar un discurso ao redor da arte galega.
Nesta primeira etapa de formación e inicio da súa carreira coñece e estuda os movementos estéticos que se desenvolveran coas vangardas e procura estar informado das novidades a través das limitadas canles de comunicación que tiña Galicia naquela época. Son determinantes para él as estadías na aldea da súa nai en Santaia de Arca, O Pino, onde pasa as vacacións e coñece á súa curmá María Elvira Fernández, coa que se casará por poderes en 1937. A lembranza destes anos e o desexo do retorno a un territorio idealizado condicionarán a súa vida e obra ata o final.

bio-02
bio-03
bio-04
bio-05
bio-06

A súa actividade política fai que 1936 teña que regresar a Bos Aires como exiliado, onde continúa o seu traballo en xornais como debuxante e como pintor. Publica para Crítica e El Diario varios artigos sobre os desastres da guerra de España, e co mesmo motivo o seu primeiro álbum de debuxos editado, Trece estampas de la traición. Enseguida funda e dirixe con Xosé Núñez Búa o seu primeiro semanario alí, Galicia libre, en 1937, e en 1939 é nomeado director da revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires.
A Seoane fascínalle o poder de convocatoria da prensa, e participará en medios de comunicación toda a súa vida, xa como colaborador, diagramador, director ou como fundador de cabeceiras como Correo Literario a carón de Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela en 1943, ou Galicia Emigrante, da que foi promotor, editor e director entre 1954 e 1959, e que tiña un espazo correspondente na radio que se emitiu semanalmente ata 1971.

En Bos Aires conflúe cos exiliados da Segunda Guerra Mundial, converténdose a Arxentina en aqueles anos nun núcleo de efervescencia vital e intelectual de xentes de distintas procedencias e intereses comúns. Relaciónase con Horacio Coppola, Grete Stern, Clement Moureau, Attilio Rossi, Jacobo Hermelin, e tamén con Carybé, Falcini, Torrallardona, Urruchúa, Castagnino, Colmeiro, Núñez Búa, José Suárez, e é arroupado por moitos empresarios de orixe xudea que se converten en promotores de varias empresas grazas ás que Seoane vaise poder desenvolver como artista. Son propietarios de xornais, avogados, empresarios, coleccionistas, e en calquera caso xente cunha certa posición económica coa que foi establecendo relacións moitas veces fraternas.

En 1939 comeza a súa colaboración coa Editorial Losada, á que seguirán outras editoriais, e en 1940 con Arturo Cuadrado crea e dirixe as coleccións de temas e autores galegos Dorna e Hórreo da Editorial Emecé, aos que se suma Luis Baudizzone para a colección Buen Aire sobre cultura popular latinoamericana.

En 1942 funda con Arturo Cuadrado a Editorial Nova, á que segue en 1947 Botella al Mar, que publicou as primeiras obras de moitos autores arxentinos e cuxos deseños constitúen en conxunto unha das obras máis emblemáticas do deseño gráfico de Luis Seoane e da industria editorial galega e arxentina.

As converxencias entre os deseños de Botella al Mar, a pintura, a gráfica e o mural son a chave do desenvolvemento do traballo de Luis Seoane. Con Galicia outra vez como horizonte, crea a editorial Citania en 1957. O coidado de Ediciones Galicia da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, as Ediciós Cuco-Rei, o labor xunto a Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro, e en definitiva todo o traballo de Luis Seoane relacionado co continente e os contidos da industria do libro colócanlle como figura principal na historia da edición.

bio-07
bio-08
bio-09
bio-10

En 1944 publica o álbum Homenaje a la Torre de Hércules, cuxa repercusión supón un punto de inflexión na súa carreira ao ser seleccionado polo American Institute of Graphic Arts e a Pierpont Morgan Library como un dos 10 mellores libros editados no mundo entre 1935 e 1945.
Destaca na produción de álbumes e libros de debuxos e gravados durante toda a súa traxectoria, sendo un dos principais renovadores e expoñentes da gráfica no seu século. Na compañía de textos de autores como Lorenzo Varela, Neruda, Lorca, Unamuno, Kafka, José Hernández ou Alberto Guirri, grava xilografías para importantes edicións de bibliófilo.
Di Seoane que o álbum de serigrafías Campesinos con poema de Rafael Alberti é o primeiro do seu xénero editado na Argentina, en 1954. En Libro de Tapas e Segundo Libro de Tapas recolle cubertas deseñadas por él para Botella al Mar, publica debuxos satíricos en Paradojas de la torre de Marfil e debuxa para os Autos de Gil Vicente. Introduce o collage no gravado en madeira a partir de 1958, e os seus carteis de Cinzano e Otard Dupuy considéranse segundo el os primeiros afiches publicitarios abstractos da Arxentina.

Alterna sempre a edición de álbumes cos óleos. Cando nos anos corenta dá o salto á pintura expoñendo por primeira vez en Bos Aires, está metido de cheo na gráfica e na edición. Como él mesmo se encarga de reseñar, pintou sempre. Seoane considérase pintor. Expuxo óleos en mostras indidivuais en Bos Aires e outras cidades americanas e europeas como Montevideo, Londres ou Nova York, e a partir de 1954 faino anualmente na Galería Bonino da capital arxentina.

bio-11
bio-12

En 1962 outórganlle o Premio Palanza da Academia Nacional de Belas Artes Arxentina, a máxima distinción. Antes tiña recibido a medalla de prata na Exposición Universal de Bruxelas de 1958. A súa pintura foi evolucionando desde uns presupostos máis líricos cara a vontade de crise e a ordenación a través da relación de formas e a construción a través da cor, acadando unha linguaxe propia moi persoal. Realiza tamén preto de cincuenta murais principalmente en Bos Aires, nos que destaca o acento gráfico da súa pintura e ensaia novos materiais.

bio-13
bio-14

En 1968 a Academia Nacional de Belas Artes de Arxentina escolle a Luis Seoane como membro de número. Sobre él escribiron artigos e ensaios importantes críticos e autores como Herbert Read, Manuel Mujica Láinez, Jorge Romero Brest, Lorenzo Varela, José Corredor Matheos, José de Castro Arines, José Hierro, Juan Carlos Areán, Raúl Chávarri, Rafael Dieste, González Garcés, García-Sabell ou Fernando Mon, e él mesmo destacou nos seus escritos sobre arte e deseño para diversas publicacións. Ademais, Seoane foi autor de obras literarias como o libro de narracións Tres hojas de ruda y un ajo verde, poemarios como Fardel de eisilado, Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento, calificados de “poesía social”, obras de teatro como La soldadera, Esquema de farsa e El irlandés astrólogo, e diversos artículos e escritos sobre cualquera tema relacionado con Galicia.

bio-15
bio-16
bio-17
bio-18
bio-19

Representou a Arxentina en numerosas ocasións, como na Bienal de Venecia de 1956 e en varias edicións da Bienal de São Paulo e da Bienal Internacional de Litografía en Cor do Museo de Cincinatti, además de en Tokio, Cracovia, Santiago de Chile, etc., e realizou mostras individuais e colectivas en América e Europa, onde viaxou sobre todo por Suiza, Alemania, Italia e España, establecéndose por temporadas en cidades como Xenebra ou Madrid. En Alemania e Suiza destacou no gravado, e tivo interese sempre en coñecer de primeira man o patrimonio artístico de cada lugar. As viaxes son chave na súa formación. En México contacta con xente como Carlos Velo, Luis Soto ou León Felipe, e cando viaxa a Roma atópase con Rafael Alberti.

Desde os anos 60 pasa temporadas en Galicia instalándose con Isaac Díaz Pardo e a súa familia en O Castro, onde Isaac lle prepara un estudo e desenvolve con él unha das ideas máis xeniais da cultura do século XX galego coa creación do Laboratorio de Formas, que nace para impulsar o desenvolvemento cultural de Galicia e do que parten unha renacida Fábrica de Sargadelos e o Museo Carlos Maside en 1970.

bio-20
bio-21

O museo será a culminación dun propósito sobre o que circulaba toda a súa produción, a reconstrución da historia da arte galega desde o movemento renovador das primeiras décadas do século XX, cuxo discurso vírase interrompido pola guerra. Concibido como unha verdadeira institución da arte contemporánea, aspiraba a ser un centro de información sobre as ideas estéticas de Galicia e a difusión dentro dela dos movementos universais da arte.

bio-22
bio-23

Pintor, deseñador, editor, gravador, escritor, promotor cultural. Luis Seoane é un dos artistas máis completos de Galicia e o primeiro en decantarse decididamente por diferentes medios de expresión dunha maneira aberta e contemporánea. Falece na súa casa da Coruña, onde tiña previsto o seu regreso definitivo, o 5 de abril de 1979.

 

bio-24
bio-25
bio-26