A Fundación Luis Seoane foi creada en 1996 a instancias do Concello da Coruña. A viúva do artista, María Elvira Fernández López, e coa fin de constituír un espazo enfocado cara o estudo da obra de Seoane, realizou entón a doazón do arquivo epistolar e documental. E un importantísimo legado artístico composto por máis de dous centenares de óleos, toda a obra gráfica editada por Seoane, así como máis dun milleiro de debuxos, bosquexos e primeiras edicións realizadas polo artista entre o exilio bonaerense e as súas estadías en Galicia.
Se ben Luis Seoane naceu en Bos Aires en 1910, e a súa familia era orixinaria de Arca (poboación próxima a Santiago de Compostela); A Coruña foi a cidade na que se estableceron os seus pais cos seus tres fillos ao seu retorno da emigración Arxentina, en 1916. E na que o intelectual, unha vez rematados os estudos de Dereito na Universidade de Santiago, iniciou a súa actividade laboral como avogado. É tamén a cidade na que viviu, ata a súa marcha ao exilio con Seoane, María Elvira Fernández López, coñecida para todos como “Maruxa Seoane”. E A Coruña foi, finalmente, a cidade á que o matrimonio regresaba a partir da década dos anos sesenta, con regularidade; xa que adquiriran un apartamento luminoso fronte ao mar do Orzán, no que falecería Seoane en 1979.
A partir de entón, Maruxa foi unha embaixadora do legado de Seoane, a través do que se explica a construción da cultura contemporánea de Galicia, executada en gran parte no exilio. E que aparece recollida no fondo documental que ela mesma axudara a construir co artista. Este legado dá sentido á constitución desta Fundación e é o material sobre o que se deseñaron os seus fins primordiais, tal e como figura no Artigo 6, punto primeiro dos seus estatutos: “fomento do estudo e difusión do conxunto da obra e personalidade de Luis Seoane, arquivo e divulgación da mesma, tanto nos aspectos artísticos como intelectuais, de deseño e sociais, políticos ou biográficos; enfocando estas cuestións xa desde unha perspectiva teórica e de pensamento, xa desde os ámbitos da creatividade e da socio-cultural”.
Desta idea derivan os demais fins da Fundación que recollen o que se coñece como o “universo Seoane”. E que se articula a través da preocupación e o traballo no ámbito da plástica e o pensamento que o intelectual executou de maneira sistemática. A Fundación combina o seu labor como centro de divulgación e conservación da obra de Seoane coa produción propia de proxectos expositivos, editoriais, ciclos de conferencias e encontros de análise vinculados á estrutura da sociedade actual.
O postulado de Seoane, acerca da Integración das Artes, é o instrumento imprescindible para que o deseño, as artes plásticas, a arquitectura, o audiovisual, as artes escénicas ou a creación literária hibriden en proxectos que analizan o conxunto da creación contemporánea. E divulga a súa obra facetada empregando os mesmos campos sobre os que actuou. A Fundación, a través da súa programación anual e exposición permanente, aborda o carácter orgánico do seu legado así como a súa preocupación por visibilizar a identidade cultural de Galicia poñéndoa en relación co ámbito nacional e internacional.
O programa didáctico e os congresos de educación artística deseñados pola Fundación e pola Universidade da Coruña, son tamén un eixo de acción que permite traballar no achegamento a novas audiencias, así como servir de contidos á comunidade educativa. Por último, o apoio a novos creadores, a través dun programa de bolsas de investigación e convenios de intinerancias con centros de arte e divulgación socio-cultural avanzan en completar o articulado dos fins para os que foi creada esta Fundación.
O edificio
Desde o ano 2003, a Fundación está albergada nun edificio proxectado polos arquitectos Covadonga Carrasco e Juan Creus, a instancias do Concello da Coruña. É unha construción levantada sobre o que se coñecía como o Cuartel de Macanaz e do que só se conserva o patio de armas. Este espazo aberto ao aire libre actúa como núcleo ao redor do que se levantaron tanto as salas de exposicións, auditorio, biblioteca, arquivo e dependencias administrativas. E é tamén un dos símbolos polos que se identifica á Fundación.
O peche do edificio evoca a estructura dun hórreo xigante con celosía acristalada que lle confire un espazo lixeiro e accesible. O inmoble levántase nas lindes da Cidade Vella da Coruña. E tanto a súa dimensión, estrutura e peche están formulados en harmonía coa súa contorna, de maneira que é un exemplo de inserción dun edificio de nova planta nun espazo histórico.
1200 metros cadrados que se distrubúen en dúas salas de exposicións e auditorio en planta baixa; sala de exposición permanente e dúas salas de exposición temporais no primeiro andar e a biblioteca nun segundo nivel.