Y su sangre ya viene cantando é unha exposición acerca da obra de Luigi Nono (Venecia, 1924-1990), figura fundamental da música europea da segunda metade do século XX, organizada con motivo da celebración do centenario do seu nacemento. Comisariada por Hugo Gómez-Chao, a mostra reune unha selección de manuscritos, fotografías e documentos relacionados co compositor italiano provenientes da Fondazione Archivio Luigi Nono e o Archivo Ricordi de Milán.
A importancia da cultura española no traballo de Nono é un dos fíos conductores da exposición, especialmente no que respecta á vida e obra de Federico García Lorca, de enorme influencia na súa traxectoria, un aspecto que se recolle na mostra grazas aos materiais cedidos pola Fundación Federico García Lorca e Centro Federico García Lorca. Luigi Nono conseguiu que a obra do poeta granadino se convertese nun referente para unha xeración, a súa, para a que Guerra Civil española fóra un acontecemento traumático. Esa influencia estenderíase a aspectos fundamentais do seu traballo, hoxe dabondo coñecidos, como o seu interese por afondar na natureza do son e do silencio. O título da mostra, Y su sangre ya viene cantando, é un verso extraído do poema La sangre derramada do autor español, incluído no seu poemario Llanto por Ignacio Sanchez Mejías publicado en 1935, ao que tres décadas máis tarde Luis Seoane lle dedicaría un álbum de gravados.
A mostra tamén recolle a relación de amizade que mantiveron o compositor italiano e Antoni Tàpies, que se iniciou na Bienal de Venecia de 1958 na que ambos participaron. Anos despois do falecemento de Nono, Tàpies colaboraría co poeta Edmond Jabès no libro Bâtir au quotidien, tercer e último Livre des marges, unha edición limitada de 1000 exemplares na que o autor francés lle dedica un texto a Luigi Nono. A exposición incluirá un ejemplar da primeira edición do volume xunto coa peza realizada para esta publicación polo artista catalán, cedida pola Fundació Antoni Tàpies.
Coproducida polo Festival de Música Contemporánea RESIS, que este ano celebrará a súa 7ª edición, e pola Fundación Luis Seoane, Y su sangre ya viene cantando conta ademais cunha serie de proxectos ao redor de Luigi Nono realizados específicamente para a ocasión polo artista e activista Marcelo Expósito (Puertollano, 1966), a escritora Andrea Valdés (Barcelona, 1979) e a artista visual Marta Azparren (Santa Cruz de Tenerife, 1968). As investigacións e experiencias realizadas por estes creadores poñen de manifesto aspectos do universo poético e teórico de Nono ofrecendo unha perspectiva multidisciplinar desde a que reverberan os ecos e preocupacións aínda vixentes dun dos representantes máis influíntes da vangarda musical europea.
O día da inauguración, Niño de Elche e Miguel Álvarez-Fernández estrearán en vivo a pieza Y entonces (variaciones canónicas sobre Luigi Nono), unha obra producida en colaboración coa Academia de España en Roma sen case acubillos melódicos ou rítmicos na que os silencios desempregan un papel fundamental, unha homenaxe á escoita que anunciou Nono.