Xulio García Rivas. Manancial de sombras

/
Comisarios Sara Donoso

Manancial de sombras reúne a obra máis recente de Xulio García Rivas (Borraxeiros, Agolada, Pontevedra, 1947), unha selección de vinte pezas de mediano e gran formato realizadas en tinta chinesa sobre lenzo ou papel de arroz. Comisariada por Sara Donoso, a mostra establece unha conexión coas exposicións levadas a cabo na Fundación Luis Seoane entre os anos 2005 e 2007 por outros artistas galegos como Xabier Toubes, Darío Álvarez Basso ou Roberto González Fernández, cuxo traballo non se inscribe dentro de ningún movemento ou corrente artística concreta.

A diferenza daquelas intervencións, realizadas dentro do ciclo Non Dispoñible, que recorría a zonas non expositivas do edificio como as galerías ou o patio central, neste caso o artista executou específicamente este proxecto para a sala principal da Fundación, único dos seus espazos que permite acoller obras que, nalgúns casos, sobrepasan os catro metros de longo.

As dimensións das pezas xogan un papel destacado nesta proposta de carácter inmersivo que conecta ao espectador co mundo interior do autor, grazas á interpretación que este fai da paisaxe, na que se mesturan as influencias da pintura taoísta chinesa, o expresionismo abstracto, a obra de artistas como Monet, Goya ou Caspar David Friedrich, as Variacións Goldberg ou a música de John Coltrane, por citar só algúns exemplos.

Manancial de sombras é tamén o título do libro que se publicará con motivo da celebración desta exposición, unha edición limitada de 200 exemplares numerados que contarán cunha intervención do artista na tapa. A publicación, máis próxima ao concepto de libro de artista que a un catálogo de exposición ao uso, inclúe os textos críticos sobre a obra de Xulio García Rivas da artista, escritora e crítica de arte Anxeles Penas, do poeta e ensaísta sobre creación literaria e artística Juan Antonio Martínez-Casanueva e de Sara Donoso, comisaria da exposición.

+ info: Nota_de_prensa.pdf

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición