Xesús! 70 anos de Campos

/
Comisarios Nico Campos

A primeira retrospectiva en trinta anos sobre a obra do humorista gráfico Xesús Campos Álvarez, Chichi Campos, reúne na Fundación Luis Seoane maís de 300 pezas deste prolífico artista que retratou como ninguén un lugar e un tempo, a Galicia dos anos setenta e oitenta, de maneira intelixente e irreverente. Campos foi testemuño dunha época na que todo semellaba posible e do rápido desengano posterior, uns acontecementos políticos, históricos e sociais que foi plasmando nuns debuxos que deixaban ver a súa enorme cultura, o seu sentido do humor, a súa ironía e unha lucidez que anunciaba con bastante precisión o mundo no que vivimos hoxe. Políticamente comprometido co comunismo, a modernidade de Chichi Campos reside na capacidade para rirse de si mesmo e a certeza de que nada merece ser tomado en serio, nin a política, nin a cultura institucionalizada, nin as modas… Un universo de seu que utiliza como ferramenta para fuxir dunha realidade máis ben amarga.

Fotografías, obxectos persoais, debuxos, cómics, revistas, libros de artista, deseños, guións e documentación diversa compoñen un proxecto comisariado por Nico Campos que recupera e reivindica a un autor que, malia súa desaparición prematura, deixou unha fonda pegada na cultura galega a través das súas viñetas, dos contidos que escribiu para unha entón incipiente televisión autonómica, das exposicións nas que participou e das persoas coas que colaborou ou que se cruzaron no seu camiño durante a súa breve pero intensa traxectoria.

Documental e publicación
A exposición complétase co documental Chichi e mais eu, no que Nico Campos elabora un retrato do seu pai a través de entrevistas a amigos, colaboradores e familiares. A película proxectarase todos os sábados ás 20:00 horas no auditorio da Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 23 de setembro, véspera do peche da mostra, en sesións de acceso libre. Xunto ao documental, a Fundación editará unha publicación na que aparecerán traballos inéditos de Chichi – guións, debuxos, textos e mesmo un bestiario da política nacional de finais do 80 - pertencentes ao Fondo Documental de Chichi Campos.

Descargar_DossierDePrensa.pdf

Exposicións actuais

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica
/
Exposición