A recepción da obra de Walter Benjamin (1892-1940) foi relativamente tardía, xa que ata os anos sesenta do século pasado non comezou a espertar un interese masivo. Na actualidade, Benjamin está considerado como o intérprete privilexiado das transformacións máis importantes do noso tempo. A presente mostra propón unha intervención contemporánea no seu pensamento a través de tres elementos:
En primeiro lugar, Constelaciones intenta plasmar a través de imaxes algúns dos conceptos fundamentais da obra de Walter Benjamin. Trátase dun conxunto de citas audiovisuais -escenas de películas, fotografías, pinturas, gravacións sonoras, animacións, documentos históricos…-artelladas segundo unha metodoloxía que desenvolveu o propio Benjamin. O resultado é unha peza audiovisual, dividida en seis capítulos, cada un deles dedicado a un concepto da obra do filósofo alemán.
En segundo lugar, o Atlas Benjamin é unha ferramenta informática que permite navegar por unha ampla escolla de textos benxaminianos unidos por hipervínculos, de temática e procedencia diversa, que reproduce o complexo sistema de referencia, arquivado e indexado que o autor empregaba nos seus escritos.
Por último, os Modelos de Audición recuperan os guións que Benjamin elaborou entre 1929 e 1933 para a Radio do Sudoeste de Alemania en Fráncfort, con novas locucións en castelán.
Walter Benjamin. Constelaciones está organizada polo Círculo de Bellas Artes, a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), e a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), e conta coa colaboración do Walter Benjamin Archive, da Fundación Luis Seoane e da Fundación Repsol.