No ano 2018, a editorial Fabulatorio publica Lugares, un fotolibro que reúne o traballo máis recente do fotógrafo Vari Caramés (Ferrol, 1953), no que o artista fai referencia ao mundo dos seus recordos e á estreita liña que separa realidade e memoria, un deseño editorial asinado polo estudo galego Desescribir que vén de ser galardoado cun LAUS de Oro concedido pola ADG-FAD, a Asociación de Directores de Arte y Diseñadores Gráficos de España. O volume complétase cun ensaio a cargo de Miguel Fernández-Cid e cun texto breve do propio Caramés.
Ese mesmo ano, as imaxes de Lugares amosaríanse ao público por vez primeira na Galería Trinta de Santiago de Compostela -que tamén acollería a presentación da publicación homónima- nunha exposición que agora se traslada á sala principal da Fundación Luis Seoane a través dun conxunto de 30 fotografías en cor que reproducen eses lugares reais e imaxinados a un tempo, escenarios nos que quizais o artista xamais estivo e que, como vén sendo habitual na súa obra, transmiten unha sensación de familiaridade e de déjà vu propia dun universo visual que fai referencia constante ás emocións a través da construción dun relato no que o representado posúe carácter universal.
A obra de Vari Caramés regresa á Fundación Luis Seoane para conectar unha vez máis co público da cidade que lle viu desenvolverse como fotógrafo desde finais dos anos setenta ata o momento presente, unha extensa traxectoria que lle converteu nun dos nomes fundamentais da fotografía contemporánea en Galicia. Ao longo de catro décadas de actividade artística, Caramés participou en numerosas exposicións individuais e colectivas, incluída unha gran retrospectiva sobre a súa obra que no ano 2001 lle dedicou o Centro Galego de Arte Contemporánea. O seu traballo está presente en importantes coleccións públicas e privadas, como as do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Círculo de Bellas Artes, o Centro de Estudos Fotográficos de Braga, o IVAM ou o propio CGAC, entre outras (imaxes: Raúl Fernández).