A Fundación Luis Seoane, en colaboración co Jeu de Paume de París, presenta en España a primeira exposición monográfica da fotógrafa e cineasta Valérie Jouve (Saint-Étienne, 1964). Valérie Jouve. Corps en résistance amosa un conxunto de máis de trinta fotografías, varias películas e unha instalación, Blues, creada expresamente para este proxecto expositivo, a través das que a artista explora a relación entre o individuo e a súa contorna, entre os corpos e os espazos urbanos, cuestionando as problemáticas consustanciales á evolución das sociedades contemporáneas desde un punto de vista político e poético. Valérie Jouve constrúe a súa obra mediante un proceso de postas en escena que sitúa o seu traballo entre a ficción e o documental, co que realiza unha reflexión sobre a capacidade das imáxenes para amosar unha realidade vivida por todos nós.
As composicións fotográficas de Jouve debuxan un espazo convulso, voluntariamente impreciso, acentuado por ese Sen título co que denomina as súas series de imaxes. Formando un conxunto aberto, completado pola artista ao longo do tempo, cada serie identifícase por un subtítulo xenérico especificado entre paréntesis: Les Personnages (Os personaxes), Les Façades (As fachadas), Les Passants (Os transeúntes), La Rue (A rúa), Les Situations (As situacións), Les Arbres (As árbores)… A selección presentada na Fundación Luis Seoane amosa obras realizadas pola artista entre os anos oitenta e a actualidade. O percorrido da exposición consegue crear unha tensión entre as imaxes fixas e unha serie de películas que cuestionan a cidade e as súas marxes, desde Grand Littoral e Traversée ata a nova peza de Valérie Jouve, Blues.