Durante máis de dúas décadas, o estudio de arquitectura Recetas Urbanas, dirixido polo arquitecto sevillano Santiago Cirugeda, desenvolveu un labor constante de definición e redefinición do espazo público, cuestionando a súa xestión, uso e constitución a través de proxectos que xiran ao redor de reivindicacións políticas de interese educativo, económico, sanitario, cultural ou contracultural, empregando como principais ferramentas dos seus procesos e protocolos a autoconstrución, a reutilización de materiais, a participación cidadá e o deseño colectivo. A exposición usted está aquí. 20 años de Recetas Urbanas, unha coprodución da Fundación Luis Seoane e o MUSAC Museo de Arte Contemporáneo de León, comisariada por Recetas Urbanas e Elvira Dyangani Ose, busca ubicar ao usuario no contexto, tempo e espazo dunha experiencia colectiva que ten como punto de partida a propia sede que acolle o proxecto, situando ao individuo dentro da devandita institución, na cidade que a acolle, a provincia, a comunidade autónoma, etc., poñendo á súa disposición unha serie de recursos que lle permitan dar resposta a necesidades e problemáticas concretas en relación coa súa contorna.
Para isto, levaráse a cabo unha intervención nas salas da Fundación na que se construirá un espazo central que fará as veces de estudio, xunto ao que se exhibirán e porán a disposición dos usuarios material audiovisual e documentación diversa -planos, fichas de montaxe, libretas de apuntamentos, correspondencia con varios axentes, dossiers de proxectos, orzamentos, invitacións, debuxos, fotografías, etc.-, en versión orixinal e facsímile, de varios traballos que constitúen a traxectoria de máis de vinte anos de práctica arquitectónica. usted está aquí presenta ademais o material correspondente a catro casos de estudo, catro proxectos recentes que ilustran a metodoloxía de traballo de Recetas Urbanas: o Aula de Convivencia do CEIP Europa en Dos Hermanas, Sevilla, o proxecto Habitar el Aire para as Naves de Matadero de Madrid; Basilea, un proxecto colectivo para a edición deste ano da feira de arte Art Basel e La Montaña Verde en De Coninckplein, Amberes. Concibidos con obxectivos moi diferentes e atendendo ao contexto local no que se sitúan, estes catro exemplos, xunto á outra documentación e parafernalia do estudio, presentan unha ollada introspectiva ao seu modus operandi, permitindo ao espectador explorar os varios aspectos do proceso de formulación, produción e execución de cada proxecto nunha proposta de coñecemento colectivo no que os xeitos de facer, aprender e gozar son inseparables os uns dos outros.
usted está aquí. 20 años de Recetas Urbanas estará aberta ao público nas salas da Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 18 de novembro.