Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)

/
Comisarios Ricardo Gurriarán

Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) é un proxecto expositivo que busca dar a coñecer a historia das asociacións culturais en Galicia durante os últimos quince anos de ditadura franquista, subliñando a importancia do seu labor no proceso de recuperación e dignificación da cultura galega.

O punto de partida da mostra sitúase en 1961, ano de creación de O Galo, a primeira asociación cultural galega, e se desenvolve a través de vinte e dous paneis explicativos e vitrinas con documentación diversa que ofrecen unha perspectiva completa dos comezos do asociacionismo, nos que a recuperación e promoción do uso da lingua foron de vital importancia, así como da posterior posta en marcha de diferentes asociacións como O Facho ou Abrente, o espallamento da actividade asociacionista nas principais capitais galegas, a actividade cultural no exterior, o papel da actividade asociativa na dinamización do teatro galego, a aparición de novas editoriais, revistas e librarías especializadas, a política, a música, o cartelismo sociopolítico, o emprego do galego en medios como a radio ou o cine, na liturxia, a creación de cineclubes… Sen esquecer a importancia do papel das persoas que co seu esforzo crearon un novo escenario para a nosa cultura: escritores, estudantes, intelectuais, editores, creadores e xentes de todo tipo que participaron nunha empresa colectiva sen a que hoxe non se entendería a cultura en Galicia.

A mostra complétase coa edición dun catálogo deseñado por Xosé Díaz, responsable do deseño da exposición, no que diferentes autores analizan as distintas facetas do legado das asociacións culturais galegas e a súa impronta no tecido cultural do noso país. Así, o libro-catálogo conta cos textos de Antón Santamarina, Henrique Harguindey, Camilo Nogueira, Xosé María Palmeiro, Xosé Luís Chao, Xosé Carlos Sierra, Lalo Gutiérrez, Manuel Lourenzo, Tino Caamaño, Alfonso Vázquez Monxardín, Antón Costa, Miguel Anxo Seixas, Manuel F. Rodríguez, Euloxio R. Ruibal, Elías Torres, Martinho Montero, Luís Álvarez Pousa, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva e Manuel Caamaño.

Organizada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación 10 de Marzo, e comisariada por Ricardo Gurriarán, Un canto e unha luz na noite é o resultado dun traballo de investigación que durou ano e medio, grazas ao que se recompilaron e dixitalizaron máis de vinte mil documentos, depositados a partir de agora no Consello da Cultura Galega para a súa consulta.

Exposicións actuais

A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición