Trece estampas da traizón 80 anos da publicación

/
Comisarios Silvia Longueira Castro, Mª Antonia Pérez Rodríguez

Trece estampas da traizón. 80 anos da publicación é un proxecto expositivo que xira ao redor do álbum de debuxos homónimo de Luis Seoane, unha obra que formou parte das edicións pertencentes á campaña de propaganda no exterior levadas a cabo pola II República durante a Guerra Civil española, formada por trece debuxos do artista galego, 14 coa portada, nos que éste denuncia aos responsables do golpe de Estado de 1936 e pon de manifesto a situación sufrida pola poboación civil por mor do conflicto e a represión posteriores.

A exposición indaga nas influencias que o traballo de artistas como George Grosz ou Frans Masereel tiveron en Luis Seoane á hora de elaborar o álbum, contextualizándoo a través dunha exhaustiva selección bibliográfica, documental e plástica na que se amosa a adhesión doutros creadores á causa republicana, como Castelao, Maruja Mallo, Arturo Souto ou Manuel Colmeiro, e que inclúe así mesmo unha sección que reune parte da biblioteca persoal de Seoane, cedida para a ocasión pola Real Academia Galega. O proceso de investigación levado a cabo polas comisarias da mostra, María Antonia Pérez Rodríguez e Silvia Longueira Castro complétase con fotografías, carteis e documentos recuperados de publicacións periódicas como La Vanguardia, ABC ou La Voz de Galicia e outras fontes, e desvela aspectos menos coñecidos do momento histórico retratado nos debuxos do álbum, como a firme oposición do pobo galego ao golpe de estado, ocultada sistemáticamente polos fascistas.

13 estampas da traizón. 80 anos da publicación incluirá ademais unha peza audiovisual que servirá de apoio á montaxe que acompaña o discurso expositivo, así como un ciclo de conferencias no que diferentes especialistas analizarán os aspectos máis destacados da obra de Luis Seoane e do contexto histórico no que se inserta.

 

Exposicións actuais

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica
/
Exposición