Seoanes posibles (after Teresa de Villar)

/
Salas de la planta baja
Comisarios Anxela Caramés

Seoanes posibles (after Teresa de Villar) é un proxecto de Enrique Lista comisariado por Anxela Caramés, no que os criterios para a organización de obxectos domésticos empregados por Teresa Villar, avoa do artista, son trasladados aos arquivos da Fundación Luis Seoane. Con esta operación búscase establecer paralelismos entre as pautas de orde privado e subxectivo fronte os sistemas aparentemente obxectivos e de carácter máis público. Esta actuación implica un cuestionamento do criterio de autoridade do museo clásico, esvaecendo as fronteiras entre a orde museográfica e as formas cotiás de ordenar obxectos. Nesta mostra, este sistema hexemónico será desprazado por unha pequena historia familiar, convidando a imaxinar outras historias posibles.

A exposición preséntase en dúas salas que aluden á maneira de ordenar o álbum familiar de fotografías e ao xeito de colocar os obxectos persoais no faiado de Teresa de Villar. Escolléronse grupos de cadros e debuxos realizados por Luis Seoane e dispuxéronse na sala seguindo o modelo das páxinas do álbum, xunto con certos obxectos procedentes do arquivo e da biblioteca da Fundación Luis Seoane e do faiado de Teresa de Villar, acompañados dalgunhas fotografías destas ubicacións que amosan como estaban almacenados nos seus lugares de orixe.

Como complemento, Gonzalo Enríquez Veloso realizou unha peza de vídeo documental sobre o proceso de produción e montaxe da exposición, ofrecendo outra ollada sobre o proxecto de Enrique Lista.

Unha parte do catálogo da exposición foi concibido como un álbum de cromos adhesivos que reproducen os cadros e debuxos de Luis Seoane escollidos para a mostra, coa intención de que os lectores deseñen a súa propia montaxe expostiva.

Artistas: Enrique Lista

Exposicións actuais

A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición