Seoane reencontrado. Óleos 1945 – 1977 [dos fondos da colección]

/

Con motivo da celebración do 30 aniversario da súa creación, a Fundación Luis Seoane presenta Seoane reencontrado, unha exposición que saca á luz un conxunto de 55 óleos da colección institucional que non se amosaban ao público desde fai máis dunha década, dos que 38 nunca foron expostos nas súas salas.

A mostra convida a afondar na pintura de Luis Seoane a través dunha selección de pezas que, aínda que menos coñecidas, son representativas da riqueza da súa linguaxe pictórica, dando así continuidade ao labor de difusión e estudo da súa obra levada a cabo pola Fundación desde 1996.

A exposición comeza cunha selección dos óleos realizados polo artista durante a segunda metade dos anos 40, como O ermitán (1945) ou Pensando na beira do mar (1948) que recolle os seus primeiros pasos como pintor, nos que emprega unha gama cromática limitada de grises e marróns combinados con tonalidades rosas, amarelas ou azuis suaves, pouco saturadas, que aplica a través dunha pincelada espesa.

Co cambio de década aparecen as primeiras variacións no tratamento da perspectiva, que se simplifica; no uso da cor, que se amplía e intensifica, e na utilización do trazo para a organización de elementos dentro do lenzo, unha evolución que se fai evidente en óleos como Pelando papas (1950).

A partir deste punto, a exposición adéntrase nese periodo de preto de quince anos no que Seoane desenvolve por completo a súa linguaxe pictórica, que agora é sintética, desprovista de volume, e se caracteriza pola combinación de grandes masas de cor e segmentos gráficos, froito da súa actividade como gravador e muralista. Nesta etapa, a máis representada dentro do proxecto, inclúense obras como Muller levando unha gran cesta (1958) -na imaxe- ou Figura (1964), que se expón por vez primeira na Fundación.

Para o percorrido expositivo optouse por unha disposición cronolóxica das obras, unha elección que permite amosar a evolución da pintura do artista a novos espectadores, ao mesmo tempo que proporciona a aqueles xa familiarizados com ela a posiblidade de recoñecer determinadas características estéticas e formais de pezas expostas anteriormente na Fundación Luis Seoane en varias das que agora figuran nesta exposición. Un exemplo disto sería a presenza de Cabeza, un óleo de 1963 inédito na Fundación, e Cabeza de perfil, do mesmo ano, que formou parte da mostra permanente de 2015.

Seoane reencontrado. Óleos 1945-1977 estará aberta ao público ata o 14 de maio de 2027.

Exposicións actuais

Seoane reencontrado. Óleos 1945 – 1977
[dos fondos da colección]
/
Exposición