Rui Chafes. Campo de sombras

/
Comisarios David Barro

Campo de sombras constitúe a primeira exposición individual do artista portugués Rui Chafes nunha institución española, nun proxecto que amosa alguhas das súas obras máis significativas dos últimos dez anos, e do que formará parte un catálogo recompilatorio de todos os seus traballos recentes. Co ferro pintado de negro ou cinza como materiais exclusivos dos seus traballos, Rui Chafes (Lisboa, Portugal, 1966), artista chave á hora de analizar o contexto artístico portugués dos últimos vinte anos, defende unha actitude moi persoal e orixinal de concibir a escultura, ensaiando formas que se moven entre o figurativo e o abstracto, nunhas estruturas de aspecto corrente, cunha singular poesía. En palabras de David Barro, comisario da mostra, “cada unha das esculturas de Rui Chafes recórdanos que non hai futuro sen memoria. Porque Rui Chafes traballa unha escultura que quere ser escultura, que non ten presa nen pretende esquecer as súas herdanzas, nin solapar a súa historia. O tempo devén así principal aliado dunha escultura que necesita tornarse arista para ancorarse e sobrevivir, solitaria, independente de cando e como se conxugan os tempos. Unha escultura silenciosa, capaz de revelarse no abismo orixinario de quen, como os románticos, aprehende o natural”.

Paralelamente á mostra editarase o libro Rui Chafes. Contramundo, que recolle todos os traballos do artista realizados desde o 2003 ata o 2011, con textos do comisario alemán Ulrich Loock, do crítico Alberto Ruiz de Samaniego e do comisario da exposición, David Barro. Esta exposición conta coa colaboración do AGADIC.

Artistas: Rui Chafes

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición