Coincidindo coa concesión do Día das Letras Galegas ao poeta Lois Pereiro (Monforte 1958-A Coruña 1996), a Fundación Luis Seoane dedica unha exposición á figura e obra dun autor chave para comprender gran parte da escena cultural galega durante a segunda metade do século XX. Comisariada polo pintor e escritor Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? céntrase na intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos. Lois Pereiro xerou ademáis unha iconografía de seu a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Nacho Santás e Manuel Vilariño. Unha escolla destas imaxes formará parte deste proxecto expositivo, xunto cun impactante retrato expresionista do poeta realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño.
A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño.