A exposición Picasso en sus carteles enmárcase na conmemoración dos 120 anos da primeira mostra que o pintor malagueño realizou na Coruña, un 20 de febreiro de 1895, como colofón da súa etapa galega (1891-1895), fundamental na súa formación e na concreción do seu desenvolvemento vocacional. Se o evento central da efeméride é a exposición El primer Picasso do Museo de Belas Artes, o presente proxecto complementa o achegamento ao xenial artista, festexado na cidade galega dentro do seu ano picassiano. Picasso en sus carteles céntrase, a través dunha sintética mirada diacrónica, na importancia que tivo o cartel como soporte dentro da obra do artista, sen esquecer que o mesmo Luis Seoane foi un admirador confeso de Picasso, ao que visitou en París en 1949, e un dos primeiros divulgadores da importancia da Coruña na súa obra.
Os carteis picassianos divídense básicamente en dúas categorías: os orixinais e os carteis de exposicións, sendo os primeiros aqueles que o artista concibiu e deseñou total ou parcialmente, e cuxa impresión e tirada estivesen ao seu cargo. Como exposición, Picasso en sus carteles ofrece unha concisa selección de corenta modelos pertencentes a unha das coleccións privadas máis prestixiosas do mundo, cuxo conxunto foi catalogado, de maneira razoada, en 1992.