Pepe Galán. Lume e ferro, a produción queimada

/

Pepe Galán afronta o reto de proxectar unha peza específica para o patio da Fundación Luis Seoane, un espazo arquitectónico que alberga o legado dun dos creadores galegos máis importantes do século XX. Trala súa retrospectiva no Kiosko Alfonso en 2010, Galán fai pública de novo a súa preocupación polos temas que afectan ás sociedades actuais, unha responsabilidade que se destila na súa escultura a través da formalización do encontro entre o baleiro e o cheo, o aberto e o pechado, a memoria e a historia. A instalación que se presenta na Fundación Luis Seoane forma parte do proxecto A volta dunha ausencia, que se pode ver ata o 20 de maio no Centro Torrente Ballester de Ferrol, e que levará a produción recente do artista coruñés a diferentes espazos do país.

Con esta intervención, Galán expresa a preocupación dos artistas visuais por afrontar a súa profesionalización e a súa dignidade como creadores e traballadores da arte a través do efecto simbólico do lume. O lume como elemento evocador do máxico con capacidade purificadora, que chamusca o vello para dar paso ao novo, neutralizando os malos augurios. Estes conceptos amplifícanse no espazo elixido para a instalación: as aperturas ocasionais á luz natural do patio da Fundación, enmarcadas en granito e cristal, convidan a integrar arquitectura e escultura para modular, xunto a outros elementos non matéricos pero aglutinantes como o fume e a luminotecnia, un corpus en volume habitable. Unha gran lumeirada virtual de ferro esculpido. Estruturas amoreadas ao redor dun mastro nun chamado a mudar as políticas culturais que afectan aos produtores da arte. A luz intensa dos farois reflectiráse nos catro muros invadindo o perímetro do claustro sen concesión, coa sensación de estar aniñando na cor incandescente das lapas, un todo integrador onde o granito, o cristal, o ferro e o fume fican soldados polo potente efecto da luz vermella dos LED.

O proxecto A volta dunha ausencia, iniciativa do propio artista, é un convite a coñecer os artefactos que xorden do seu obradoiro tras unha especie de parada técnica, iniciada en 2010, un ciclo de mostras en diferentes espazos do país despois duns anos de paréntese nos que Galán interrompeu a produción material de obra pero nos que non deixou de aprender e de argallar, como xa fixera con Burla Negra e Nunca Máis trala ferida o Prestige. Entre os anos 2011 e 2016, Galán realiza a instalación Mulleres muro no marco do Proxecto Cárcere, a intervención Carga de dignidade, organizada en colaboración con colectivos de traballadores e cidadáns na reixa do estaleiro de Navantia en Ferrol, no 2013, así como pequenas intervencións no espazo público como homenaxe aos refuxiados ou o proxecto e obradoiro sobre Isidro Brocos no Museo de Belas Artes da Coruña. A obra de Galán é, en palabras do escritor Manuel Rivas, “un territorio onde o disfrute é risco”.

Exposicións actuais

Órbita galega
Exposición sección Galicia. INTERSECCIÓN
/
Exposición
FFoco. Festival de Fotografía da Coruña
/
Exposición