Pepe Cáccamo. O Alfabeto Híbrido

/
Sala de exposición de la biblioteca. Segunda planta

A segunda edición do ciclo O Alfabeto Híbrido dirixido por Yolanda Castaño, que aborda o universo da palabra en todas as súas manifestacións desde un punto de vista transversal, multidisciplinar e lúdico, reúne nesta mostra unha selección da obra do autor vigués Pepe Cáccamo que inclúe preto dunha trintena dos seus poemas visuais e caligráficos, dos seus poemas-obxecto e dos seus cadros-obxecto. Coñecido sobre todo por ser un dos nomes fundamentais da literatura galega contemporánea, Cáccamo comeza a súa traxectoria a finais dos anos setenta como poeta, diversificando posteriormente a súa produción a través da narrativa, a literatura infantil, o ensaio e as artes plásticas. Grazas ao Alfabeto Híbrido adentrámonos no particular universo deste autor no que é posible rastrexar a influencia de movementos como o surrealismo, o dadaísmo, a arte povera e a arte conceptual, e de creadores como Joan Brossa, Stéphane Mallarmé, Giorgio de Chirico ou Yves Tanguy, entre outros. A ironía, un sentido do humor subtil, as referencias á nenez, ao existencialismo e o absurdo percorren pezas como A batalla de Remington (2013), na que un pequeño exército de cor rosa toma posicións nos restos dunha antiga máquina de escribir, ou Literófagos (2014), protagonizada por uns lápis-insecto que semellan cobrar vida a través dun dicionario de caracteres cirílicos. Cáccamo tamén é quen de liberar ao espectador da dependencia das palabras ilustrando conceptos como sinestesia ou elipse, proporcionándolles características físicas a través da literalidade, como en Libro electrónico (2015). Non podían faltar as referencias literarias como en O telégrafo de M. Antonio (2004), nin os reproches á xerarquía católica plasmados no Libro de finanzas do Vaticano (2011).

O Alfabeto Híbrido ocupa a sala de exposicións da biblioteca da Fundación, situada no segundo andar, que con esta mostra recupera a súa función orixinal: acoller manifestacións artísticas relacionadas co mundo dos libros e da literatura. Con esta exposición acádase un dobre obxectivo: difundir a obra dun autor imprescindible no eido da creación artística contemporánea en Galicia, e recuperar para o público un dos espazos máis descoñecidos da singular arquitectura da Fundación Luis Seoane.

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición
A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición