Julián Barón. O Desengano

/
Comisarios X. Lois Gutiérrez Faílde

O Desengano é un proxecto visual baseado nunha serie de actividades expositivas e editoriais ao redor do traballo que o fotógrafo Julián Barón realizou sobre o desastre do Prestige en decembro de 2002. Comisariado por X. Lois Gutiérrez Faílde, O Desengano forma parte da programación da sexta edición de FFoco Festival de Fotografía da Coruña, que un ano máis se celebrará na Fundación Luis Seoane. Xunto á exposición da serie fotográfica 28 cruces de Julián Barón, incluirase un documental dirixido por Manuel Vargas, así como un fondo de fotolibros, catálogos e material impreso diverso para a súa consulta.

Nos primeiros días do mes de novembro de 2002, o buque petroleiro Prestige afundíase tras sufrir unha vía de auga a uns 250 kilómetros da Costa da Morte, provocando un dos maiores desastres medioambientais da historia de Europa, un acontecemento que tivo un enorme impacto político, económico, cultural e social. Os milleiros de voluntarios e a presión do movemento Nunca Máis minimizaron os danos da vertedura sobre unhas costas cuxos recursos eran e seguen sendo vitais para a poboación da zona.

En O Desengano, Julián Barón recolle aquel episodio, un proxecto que, xunto a outros traballos como La herencia de Chernobyl (2001) ou Una nueva vida: rumanos en España (2002-2003) supuxo unha das primeiras tentativas do fotógrafo na definición do seu discurso. Estas imaxes en branco e negro, de carácter documental, formaron parte dun proceso de descubrimento do medio fotográfico.

O discurso artístico de Julián Barón experimentou dende entón diversas mutacións, servíndose en cada unha das súas diferentes etapas de novas ferramentas, métodos e estratexias. Cada nova experimentación visual provocou un “desengano” con respecto a traballos previos, unha renuncia que impulsaba a creatividade do autor a través da busca estética e do compromiso cunha idea aberta e complexa da obra artística, materializándose alén dos seus límites lingüísticos.

O Desengano é o testemuño da paixón inicial pola imaxe, e ao mesmo tempo unha revisión sen xenealoxía ou nostalxia, formada por fragmentos dunha creatividade cuxa capacidade para xerar novos argumentos nace da transgresión dos elementos anteriores. Deste xeito, Barón reconstrúe e redefine a posición cara as imaxes, que sitúan e reconfiguran a nosa memoria do acontemento e de certo imaxinario atesourado desde entón ao redor do próprio desastre do Prestige.

Toda a información sobre FFoco está aquí: ffocofestival.gal

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición
A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición