O bosquexo do mundo é unha mostra colectiva comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane, que ofrece a posibilidade de visitar a ese crisol de formas que é o taller do artista, traendo ao museo un conxunto de útiles e documentos, tamén de obras e os seus antecedentes que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporcionan sustento e alimentan as creacións. Unha aposta polas mostras de produción propias extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e de traballo en rede.
Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significado. Así, xunto a obras en distintos soportes, a mostra componse sobre todo de apuntamentos, bosquexos e pezas inacabadas. O bosquexo do mundo trae ás salas da Fundación Luis Seoane un conxunto de útiles e documentos —obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, restos e materiais atopados…— que se sitúan na base ou, por así dicir, na zona de influencia de cada artista, do seu quefacer e da súa particular visión do mundo, e que se completa cunha selección de debuxos de Luis Seoane pertencentes á colección institucional non incluida nas montaxes anteriores.
Artistas: Marta Bran, Berta Cáccamo, Bosco Caride, Rosendo Cid, Tamara Feijoo, Beatriz Lobo, Juan Loeck, Rut Massó, Din Matamoro, Chelo Matesanz, Santiago Mayo, Tatiana Medal, Miquel Mosquera, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Ignacio Pérez-Jofre, Isaac Pérez Vicente, Juan Carlos Román, Luis Seoane, Teo Soriano, Tayone e Mauro Trastoy