Creative Agitation é un colectivo artístico fundado no ano 2009 polos cineastas Travis e Erin Wilkerson co propósito de elaborar obras en diferentes soportes, fundamentalmente audiovisuais, nas que proceso creativo e compromiso político sexan indisociables.
O seu traballo ofrece unha nova perspectiva acerca de determinados episodios históricos e aspectos sociais do seu país de orixe, Estados Unidos, como a toma de conciencia da clase obreira en paralelo á implantación do capitalismo especulativo e as súas consecuencias, o racismo, o uso da propiedade e a guerra como ferramentas fundamentais do crecemento económico ou a retórica patriótica, entre outras cuestións. Para isto empregan soportes como as instalacións, o formato cinematográfico ou o newsreel ou telexornal breve online, NOW Journal, a cargo de Erin.
Seguidores do movemento Terceiro Cine xurdido a finais da década dos 60 en latinoamérica, ambos artistas debos artistas desenvolveron as súas respectivas traxectorias co compromiso político e a experimentación da imaxe como principais puntos en común. Se xa coa aparición da súa segunda película, An Injury to One, que relata o linchamento do líder sindicalista e activista Frank Little, a crítica especializada recoñecía a Travis Wilkerson como un dos representantes máis destacados do cine independiente norteamericano e o seu traballo amosábase no Sundance Film Festival e no Musée du Louvre, a colaboración a carón de Erin dentro de Creative Agitation dará lugar a unha serie de pezas como Nuclear Family (en la imagen) nas que os artistas expoñen a a violencia e obsesión belicista da sociedade americana a través das vacacións dunha familia polo oeste do país, un ensaio documental incluído na programación e seccións oficiais de certames como a Berlinale, Documenta Madrid ou o festival de Mar del Plata, entre outros.
Precisamente, este film é o xerme da obra que protagoniza a presente exposición. Concebida inicialmente no ano 2020 para a Bienal de Venecia, que finalmente se suspendería pola pandemia, Nuclear Family: Fieldwork é unha viaxe polo apocalipse post atómico, unha versión expandida do orixinal que recompila materiais de campo, prácticas performativas e efectos sensoriais ao redor dos silos nucleares e as paisaxes áridas do Oeste americano. Incluída na programación da oitava edición de INTERSECCIÓN – Festival Internacional de Cine de A Coruña, Nuclear Family: Fieldwork é unha proposta na que imaxe, son, debuxo e fotografía dialogan co presente e co imaxinario político contemporáneo e que gora se amosará ao público por vez primeira.