Juan Carlos Meana. Nos son

/

Nos son é o título dunha instalación de Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964) que busca establecer un diálogo entre o público e a obra de arte a través dun percorrido que discorre entre diferentes pezas dispostas sobre a superficie empedrada do patio central da Fundación Luis Seoane. A instalación consiste nunha serie de módulos compostos cada un deles por dous pratos de cerámica unidos polos bordes, xerando un espazo oco entre ambos elementos que se intúe pero que permanece agochado á ollada do espectador. Xunto a estes módulos, o artista dispón unha serie de grupos de ladrillos macizos compostos por dous ou tres unidades cada un. Tanto os pratos como os ladrillos van distribuidos de xeito aleatorio polo chan do patio e os soportais que o rodean, deixando zonas libres para que o visitante poida desprazarse entre eles. A instalación inclúe outros elementos que interactúan coa obra que está no chan, entre os que destacan as palabras CONVENCER, CONVERTER, CONVIVIR que, a súa vez, funcionan como obxecto escultórico de seu. Por último, ao fondo do patio atópase unha pequena campá que recorda ás que adoitaban utilizarse na costa para anunciar a presenza de navíos nos días de néboa mentres que, noutro extremo do espazo, o Mirador Sonoro emite unha gravación cos sons que produce a choiva ao golpear os pratos, evocando un lugar inhóspito ao que espectador non ten acceso.

Nos son establece un diálogo co visitante grazas aos espazos que se crean entre as obras e á mesaxe que se desprende delas. A disposición dos obxectos convida a realizar un percorrido cauteloso, en parte debido á propia fraxilidade das pezas, e tamén pola sensación que experimenta o espectador ao ser interpelado polo resto dos elementos que forman a instalación: o significado das palabras suspendidas no baleiro, o ruido da choiva ou a evocación do sentimento de comunidade ao que fai referencia a pequena campá.

Artistas: Juan Carlos Meana

Exposicións actuais

Lois Patiño. Marea
/
Exposición
Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición