Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986)

/
Comisarios Xurxo Taxes

Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986) é un proxecto centrado nas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo na Coruña durante o período transcorrido entre os anos previos á morte de Franco e a entrada de España na Comunidade Europea por colectivos como Sisga, A Carón, Galga, Novos Fotógrafos Coruñeses e Gruporzán, unha etapa que coincidiu co maior aumento demográfico na historia da cidade e cunha serie de cambios sociais, urbanísticos e políticos que a transformarían radicalmente.

O propósito da exposición é dar a coñecer a historia das persoas, dos espazos e das circunstancias que propiciaron aquela explosión de creatividade, inspirada tanto polos movementos de Vangarda como polo asociacionismo cultural antifranquista, que se desenvolveu nun lugar e nun momento concretos, na Coruña dos anos setenta e oitenta. Para iso, o comisario da mostra, Xurxo Taxes, elaborou un percorrido cronolóxico no que se recollen por vez primeira manuscritos, correspondencia, folletos, carteis, publicacións, fotografías, audiovisuais, así como o rexistro das accións realizadas polos distintos grupos e artistas, e dos espazos formais (museos, galerías, etc.) e informais (tabernas, pubs) nos que tiveron lugar os proxectos e iniciativas daquel período, como as galerías Ceibe e Mestre Mateo, a Aula de Cultura Lume, a tasca Enrique ou o pub O Patacón, por citar só algúns exemplos.

A este material engádese ademais unha serie de 28 entrevistas realizadas en 2007 por Belén Montero e Juan Lesta para a Fundación Luis Seoane a creadores que coñeceron ou desenvolveron a súa actividade nesa época.

O título da exposición está extraído da colaboración de Lois Pereiro no volume De amor e desamor publicado en 1984 polo colectivo poético coruñés do mesmo nome. Esta elección por parte do comisario da exposición responde á vontade de subliñar o carácter urxente e inaprazable de transformación política, cultural e social que a cidadanía experimentaba entón, e tamén ao emprego por parte dos novos – protagonistas deste proxecto- da acción colectiva como instrumento da renovación das experiencias artísticas naqueles anos convulsos.

(fotografía: Raúl Fernández)

NotadePrensaG.pdf

A actualidade da mostra está dispoñible a través das redes sociais nas contas seguintes:

Facebook @nosdominiosdaurxencia
Twitter @urxencia
Instagram @nos_dominios_expo

Exposicións actuais

Órbita galega
Exposición sección Galicia. INTERSECCIÓN
/
Exposición
FFoco. Festival de Fotografía da Coruña
/
Exposición