Muestra la herida é o primeiro episodio dun proxecto expositivo centrado na relación entre arte e medicina, unha produción da Fundación Luis Seoane comisariada por David Barro, Sofía Santos e Alberto Ruiz de Samaniego enfocada nos vínculos existentes entre o feito artístico e a enfermidade.
Existen múltiples exemplos da relación entre arte e medicina, como as figuras de marfil ou xade utilizadas polas mulleres chinesas para indicar con exactitude o punto concreto dos seus males sen ter que espirse, as imaxes dos frescos da cidade de Pompeia, determinadas obras de artistas como Tintoretto, José Ribera, Caravaggio ou Goya, entre outros, ata chegar ás vangardas históricos e finalmente, aos nosos días. A diferencia fundamental entre épocas pasadas e o momento presente é o rexeitamento por parte da sociedade contemporánea a asumir a enfermidade e a morte como algo intrínseco á existencia humana. Os avances médicos e tecnolóxicos, sobre todo a partir do século XX coa difusión masiva dos antibióticos, conseguiron que auténticas pragas como a tuberculose pasasen a ser consideradas como enfermidades comúns, reducíndose de este xeito a súa taxa de mortalidade e, en consecuencia, a súa visibilidade. Simplemente, deixaron de ser algo cotián. De feito, a presenza da enfermidade nas manifestacións artísticas de principios do século XX céntrase máis na experiencia persoal e autobiográfica que na súa condición como circunstancia inherente á existencia humana, convertíndose deste xeito as epidemias en entelequias, en mitos de tempos pasados, unha situación que cambiaría a principios dos anos 80 do pasado século coa aparición da SIDA.
Muestra la herida reúne obras de trece artistas de diferentes nacionalidades cuxa temática incide en diferentes aspectos desta relación: a enfermidade como experiencia vital, a arquitectura que configura os lugares onde ésta se desenvolve, a ferida como metáfora, o sentimento de perda e transformación producido polo desenvolvemento das patoloxías… Todo isto a través de distintos formatos como a escultura, a fotografía, a serigrafía, a pintura, as instalacións e os soportes audiovisuais.
Dentro da mostra inclúese un apartado que contextualiza parte do exposto, e que o complementa grazas a un pequeño fondo documental que inclue desde un tratado de Avicena ata curiosidades como unha monografía do século XVIII acerca das enfermidades máis frecuentes no medio rural, libros de ciruxía e patoloxías óseas e mesmo un facsímil dun extracto sobre anatomía de Leonardo da Vinci, etc. Xunto a estes documentos, atópanse unha serie de exemplos centrados na práctica da investigación e a docencia médicas, como os expositores de osos ou as reproduccións de partes do corpo humano.
A exposición acompáñase dun catálogo-ensaio que analiza en profundidade a relación entre arte e medicina ao longo da historia, desde a Antigüidade ata os nosos días. É importante destacar que é a primeira vez que se publica no noso país un estudo sobre esta cuestión, unha oportunidade única para achegarse a este tema grazas aos textos de destacados especialistas e teóricos da arte, como Alberto Ruiz de Samaniego, Sofía Santos, David Barro, Fernando Castro Flórez, José Carro Otero e Effie Komninou.
Artistas: Ángeles Agrela, Rui Chafes, Barbara Hammer, Francisco Leiro, Juan Carlos Meana, Juan Muñoz, David Nebreda, Tony Oursler, Jorge Perianes, Antoni Tàpies, Pedro Tudela, Eulàlia Valldosera e Andy Warhol