Moscoso Cosmos. MUSAC O universo visual de Victor Moscoso

/
Comisarios David Carballal

Tras o seu paso pola Fundación Luis Seoane, a exposición Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso trasladouse ao MUSAC de León, primeira itinerancia do proxecto comisariado por David Carballal. Entre os meses de novembro de 2021 e febreiro de 2022, o público tivo unha vez máis a oportunidade de coñecer a obra do artista galego, pioneiro da gráfica psicodélica americana, na maior retrospectiva realizada ata o momento sobre o seu traballo.

Ademáis da célebre serie de carteis de rock psicodélico de 1966 e 1967, a mostra do MUSAC incluiu exemplos das colaboracións de Victor Moscoso na revista underground Zap Comix, na que coincidiría con Robert Crumb; así como cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e outras publicacións, animacións, fotografías biográficas e obra gráfica orixinal, esta última pertencente na súa maior parte ao Concello da Coruña, que posúe a maior colección pública do artista en Europa. Os seus espectaculares carteis cinéticos ocuparon ademais unha sala especial no museo, amosando o uso revolucionario que o deseñador fai das cores a través da exposición das pezas a luces intermitentes.

En paralelo á exposición, o MUSAC desenvolveu unha serie de actividades relacionadas coa temática do proxecto, que incluíron actuacións en directo, obradoiros didácticos e visitas guiadas para adultos e familias.

Moscoso Cosmos é unha coprodución da Fundación Luis Seoane, o MUSAC Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León e o Centro Niemeyer de Avilés. Neste último, a exposición, que conta coa colaboración de Acción Cultural Española AC/E, abrirá de novo as súas portas no mes de marzo, onde poderá visitarse ata o mes de xuño deste mesmo ano.

+ info: MUSAC

 

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición