Modernidades diverxentes. Seoane, Ver y Estimar

/
Comisarios Pablo García Martínez

Modernidades diverxentes é unha exposición que analiza a relación entre a obra de Luis Seoane e a prestixiosa revista Ver y Estimar, dirixida polo crítico de arte arxentino Jorge Romero Brest entre 1948 e 1955. O título da mostra fai referencia ao progresivo distanciamento entre dous vellos amigos e compañeiros de viaxe durante os anos anteriores, no antifascismo arxentino. Así, a inclinación da revista cara os postulados do expresionismo abstracto chegado da Escola de Nova York contrastaban coa resistencia de Seoane a desvencellarse dunha figuración que era máis propia dunha tradición humanista asociada a certas correntes da arte europea das que se consideraba herdeiro. Comisariada polo investigador Pablo García Martínez, a exposición céntrase nunha parte da actividade de Seoane na Arxentina descoñecida ata agora en Galicia, como foi a súa relación de encontros e desencontros con esa versión da modernidade porteña que dinamizou Jorge Romero Brest a través da súa revista.

O proxecto reune unha serie de lenzos de Luis Seoane que foran mostrados ao público por vez primeira en exposicións analizadas nas páxinas de Ver y Estimar, aos que acompañan breves textos informativos que contextualizan aquel momento histórico. Ademais, no espazo expositivo reprodúcense a gran escala unha serie de fragmentos de escritos realizados por Seoane durante eses anos, nos que explica a súa postura acerca da súa propia produción, así como pasaxes tomados das críticas que lle adicou a revista. A mostra inclúe materiais pertencentes aos fondos da Fundación Luis Seoane que dan conta do labor do creador galego durante as dúas primeiras décadas da súa estadía en Bos Aires: exemplares de revistas como Cabalgata, catálogos das súas exposicións, libros, debuxos e gravados.

NotaPrensaMD_G

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición